CENTROS SOCIOCULTURAIS

Continúa a itinerancia da exposición do Ateneo polo centros socioculturais

05/03/2014 A Concellaría de centros socioculturais continúa coa itinerancia da exposición Compostela Única polos centros socioculturais, nesta ocasión será o Centro sociocultural do Castiñeiriño "Agustín Bueno" o que acolla desde o xoves 6 ata o 28 de marzo a interesante mostra fotográfica que estivo recentemente no Csc de Vite.

A mostra fotográfica producida a iniciativa do Obradoiro fotográfico do Ateneo de Santiago amosa unha selección de fotografías captadas nas rúas de Compostela entre o nacemento da moderna fotografia, a mediados do seculo XIX, e 1965. A mostra forma parte do proxecto Compostela Única no que participaron varias entidades, asociación e persoas moi diversas.

A contribución e a resposta da cidadanía ao chamamento do Ateneo de Santiago danos como resultado a oportunidade de achegarnos á transformación da cidade e dos seus cidadáns a través deste traballo de memoria fotográfica. Co percorrido que a exposición fará por seis dos centros socioculturais de Santiago pretende achegarse aos barrios, dinamizando unha vez máis a historia da cidade a través desta interesante mostra fotográfica composta por 28 paneis, un documento audiovisual e un libro-catálogo. Neste último inclúense ademais das fotografías da exposición, textos sobre a cidade de autores como Salvador García-Bodaño, Xerardo Estevez, Anxo Tarrio, Encarna Otero, J.M.González Herrán, Manuel Fraga Carou e Xose Ramón Pousa, entre outros.

Os paneis fotográficos estan agrupados en oito(8) temas diferenciados: Compostela pedra a pedra, Universidade, Igrexa e Camiño de Santiago, Oficios, obradoiros e actividade comercial, Fotografías de autor, a sociedade Compostelá, Deportes e Festas e Romarias.

Actividades paralelas
O Ateneo de Santiago animará novamente aos usuarios dos centros e asistentes á exposición a que compartan as fotos que poideran ter de Santiago nas datas da exposición, para continuar a labor de recollida de arquivo fotográfico que poida colaborar á completar esta singular mostra.

A Concellaría de centros socioculturais agradece ao Ateneo o dispor deste importante traballo expositivo e dinamizador que reforza a liña de traballo de divulgación e formación entorno á historia e a memoria da nosa cidade e das nosas xentes.

Este xoves 6 de marzo ás 18h o Concelleiro de centros socioculturais Francisco Noya visitará a exposición no Csc do Castiñeiriño para compartir con representantes do Ateneo, a explicación desta mostra ante os veciños do barrio.

Compartir: