TURISMO

Santiago promociónase na feira turística máis importante de Alemaña

06/03/2014 Turismo de Santiago participa na ITB, unha das principais feiras turísticas de Europa, que se celebra en Berlín entre o cinco e o nove de marzo.

Turismo de Santiago participa na feira turística máis importante de Alemaña, a ITB de Berlín, que se celebra entre o cinco e o nove de marzo. Turismo de Santiago, que ten un mostrador no stand de Turespaña, acude regularmente a esta cita xa que Alemaña é un dos principais mercados emisores de turismo internacional á cidade. A ITB é tamén unha das principais feiras de Europa, con máis de 10.000 expositores e 170.000 visitantes, dos cales 110.000 son profesionais.

Turismo de Santiago manterá reunións con touroperadores e axentes de viaxes do mercado alemán, en especial con aqueles especializados en turismo cultural e turismo gastronómico. Ademais, manterá tamén reunións cos resposanbles das Oficinas Españolas de Turismo de Frankfurt e Berlín, e co responsable do Instituto Cervantes de Berlín, para definir accións de promoción conxunta de Santiago e o Camiño de Santiago en Alemaña.

Alemañá é un dos principais mercados internacionais para Santiago. É o país con maior número de peregrinos estranxeiros. E ocupa a segunda posición, tras Italia, no número de pernoctacións que suma na cidade cada ano, que rondan as 50.000. O obxectivo que se marca dende Turismo de Santiago é que a cifra de pernoctacións de alemáns alcancen por primeira vez as 60.000, superando así o récord logrado no Ano Santo Compostelán 2010, cando se chegou a 56.437.

Documentos relacionados



Compartir: