REHABILITACIÓN

Emuvissa aproba o convenio que fixa o Programa de Edificios Tutelados

26/07/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o Consello de Administración da Empresa Municipal da Vivenda e Solo de Santiago de Compostela (Emuvissa), na que se aprobou o convenio que fixa o Programa de Edificios Tutelados. Esta iniciativa vai permitir nos vindeiros anos a rehabilitación e recuperación dalgúns edificios da zona histórica, que serán posteriormente alugados para recuperar o investimento realizados nos mesmos.

O Programa de Edificios Tutelados contempla a rehabilitación de certos edificios moi deteriorados que precisan dunha intervención importante. O investimento realizado nestes edificios, despois da elaboración dun proxecto e dun estudo económico, recuperarase a través da explotación do mesmo inmoble en réxime de aluguer. A sinatura do convenio dará pé á inminente convocatoria pública, trala que se seleccionarán os inmobles. Posteriormente realizaranse os estudos técnicos e as estimacións dos custos, os acordos cos propietarios e, rematada a rehabilitación, o alugueiro dos pisos. Estas repartiranse entre o Consorcio (parte técnica), o Concello (convocatoria e selección) e Emuvissa (xestión do aluguer).

A iniciativa afectará a edificios completos que, non estando en ruínas nin en situación de infracción urbanística, sexan confiados polos seus propietarios á tutela da Administración. O prazo mínimo fixado para a recuperación do investimento e no que, polo tanto, no se poderá cambiar o uso do inmoble é de 12 anos, se ben se pode estender en función da contía da intervención realizada. En canto ao financiamento o Consorcio cubrirá o 60% do custo da obra a fondo perdido, mentres que Emuvissa achegará o 40% restante coa amortización do aluguer dos inmobles.

Este programa é unha achega máis ás políticas de rehabilitación do centro histórico e, á súa vez, ás políticas de vivenda. Estímase que se poderán pechar acordos para rehabilitar e alugar a prezos de protección oficial unhas 15 vivendas.

Compartir: