MOBILIDADE

A Concellería de Mobilidade continúa cos preparativos da última etapa da Volta Ciclista que traerá a Santiago máis de 1000 profesionais da comunicación

05/03/2014 O concelleiro Luis Bello salientou a importancia que este evento suporá para a cidade a nivel informativo e turístico e deu conta do operativo que continúa traballando para que todo este preparado o vindeiro 14 de setembro.

Na reunión que o edil de Seguridade Cidadá e membros da Policía Local mantiveron nas últimas horas coa empresa organizadora pechouse o percorrido da etapa vinteúna da Volta Ciclista a España que remata por segunda vez na súa historia en Santiago de Compostela. Serían nove quilómetros e 600 metros con saída da Cidade da Cultura e remate na Praza do Obradoiro pasando por Fontes do Sar, San Lázaro, Amio, Cruceiro da Coruña, praza da Paz, Xoán XXII e San Francisco.

O evento requirirá un depregue de medios municipais importante, tanto para atender a participantes e turistas como a profesionais da comunicación acreditados para cubrilo. Espérase que mil xornalistas se acheguen ata a Santiago para facer chegar a etapa a máis de 178 países. Deste xeito, os tres turnos da Policía Local veranse reforzados ata chegar aos 40 efectivos nos días previos á etapa, nos que tamén haberá actividades promocinais, e aos 75 na propia xornada do 14 de setembro. Así mesmo estase traballando para habilitar aparcamentos disuasorios que faciliten a mobilidade e o aparcamento.

Luis Bello amosou a súa satisfacción porque Santiago sexa sede dun evento de tal importancia e salientou o esforzo que está a facer o concello e todos os departamentos implicados (deportes, turismo…) para que saia á perfección.

Cafetería da estación
Na rolda de prensa o concelleiro referiuse tamén á situación dos traballadores da cafetería da estación de autobuses. Bello lembrou que esta tarde manterá unha reunión con eles, á que están invitados os representantes municipais de PSOE e BNG e tamén un representante sindical, para explicarlles de primeira man a situación.

O edil manifestou a súa intención clara de que os traballadores permanezan no seu posto de traballado e nesa dirección vai ir o prego de condicións que rexerá a contratación do servizo. En mes e medio, indicou Bello, a cafetería podería estar novamente en funcionamento.

Compartir: