ALCALDÍA

O Concello rende homenaxe ao escultor Francisco Asorey

04/03/2014 Dentro dos actos conmemorativos do 125 aniversario do nacemento do escultor, o alcalde compostelán, Ángel Currás, participou nunha ofrenda florar na súa memoria no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Ao acto asistiron o vicepresidente da Asociación Francisco Asorey e fillo do artista, José Manuel Asorey; o alcalde de Cambados, Luis Aragunde; e o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez.

Este ofrenda floral encádrase nos actos que se están a celebrar para conmemorar o 125 aniversario do nacemento de Francisco Asorey (Cambados, 4 de marzo de 1889 – Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1961), para o cal se creou unha comisión específica.

Segundo apuntou Ángel Currás, realizaranse diversas accións de difusión da obra e da traxectoria de Francisco Asorey, a quen definiu como o "referente da escultura de Galicia". Unha desas actividades será unha exposición, que poderá ser contemplada en Santiago –cidade da que é fillo adoptivo- e en Cambados, vila na que naceu. Tamén se programou a convocatoria dun certame de escultura sobre a figura de Francisco Asorey. Os participantes poderán concursar en diferentes soportes e o premio para o gañador será de 1.500 euros.

O calendario definitivo de actos deste 125º aniversario será presentado proximamente. O alcalde confía en que outras institucións, como Deputacións ou Museos, se sumen a esta conmemoración.

Compartir: