BENESTAR SOCIAL

O Concello dedica o 8 de marzo a tres mulleres que destacan polo seu compromiso solidario coa sociedade compostelá

03/03/2014 A concelleira da Área de Servizo Sociais, María Castelao, vén de presentar o acto organizado polo seu departamento con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, que nesta ocasión renderá homenaxe a Charo Barca, María Jesús Iglesias e María Castro. O acto terá lugar na Casa do Concello o venres 7 ás 19.30 horas.

Segundo María Castelao, este acto quere "exemplificar o traballo de moitas mulleres ao longo da historia", recoñecendo neste caso o "esforzo e sacrificio" de moitas mulleres compostelás. Agarda que a conmemoración sexa unha data de reivindicación e de solidariedade, pero tamén para "recordarlle á cidadanía que aínda quedan moitas cousas por conseguir, como a erradicación da violencia de xénero, a equiparación da muller en postos directivos ou a conciliación familiar e laboral".

Nesta ocasión o Concello quere render homenaxe a tres mulleres moi implicadas na axuda aos menos favorecidos: Charo Barca, a través da Fundación Andrea; María Castro, coa ferramenta da ONG Xuntos Podemos; e María Jesús Iglesias, dende o bar Paluso.

As tres homenaxeadas recibirán as medallas elaboradas especialmente para esta conmemoración polo ourive Fernando Mayer e que levan impresa unha frase de Concepción Arenal: "Todas as cousas son imposibles mentres o parecen".

Charo Barca Fernández
Nacida en Santiago de Compostela no ano 1969, comeza a súa andaina profesional no ámbito da organización e xestión de eventos no ano 1987, sendo administradora e cofundadora de diferentes sociedades que desenvolven a súa actividade no sector de eventos/turismo en toda Galicia.

Dende o ano 1993, é Directora Xerente do recoñecido Pazo de San Lorenzo de Santiago de Compostela e tamén dende 2013 se encontra á fronte da súa nova división San Lorenzo Catering Gourmet.

Ao seu activo labor profesional suma dende o ano 2005 as súas responsabilidades como fundadora e Presidenta da Fundación Andrea de apoio aos nenos/ás con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, que impulsa en memoria da súa filla Andrea, falecida en 2003 aos oito anos de idade e afectada dende o seu nacemento dunha parálise cerebral altamente limitante.

A Fundación Andrea, é unha organización sen ánimo de lucro que ten como finalidade básica a atención e o apoio económico, moral, informativo ou de calquera outra natureza, ás familias que contando con escasos recursos económicos, haxan de coidar aos seus fillos/ás nas enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais que estes poidan padecer, facilitándolles solucións e axudas áxiles ante situacións de carencias inmediatas.

O seu programa de proxectos activos, que dende a súa constitución facilitou axudas a máis de 1000 familias de toda Galicia, inclúe:
• Tres Casiñas cun total de 18 prazas a disposición dos pais/nais de nenos/ás ingresados/ás no Hospital Clínico de Santiago para unha longa estanza hospitalaria e sen residencia na cidade.
• Colaboración permanente co Servizo de Pediatría, a Escola Camilo José Cela e a Unidade de atención temperá do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, así como coa Escola O Berce del Hospital de Pontevedra e coa Unidade de Atención temperá do Hospital do Barbanza.
• Programa de Dulcificación de espazos pediátricos hospitalarios activo en diferentes hospitais galegos. Actuacións globais con equipamentos e dotacións adaptadas aos nenos/ás, en espazos pediátricos comúns.
• Bolsas para desprazamento e manutención para familias derivadas a Hospitais fóra de Galicia con tratamentos de longa estanza.
• Bolsas para adquisición de equipamentos ortopédicos, adaptación de domicilios ás necesidades dos nenos/ás enfermos/ás e medicación.
• Bolsas para sesións privadas ou de reforzo de psicoterapia e terapia familiar para pais/nais e nenos/ás; de hidroterapia para nenos/ás con déficits na súa motricidade; de fisioterapia para nenos/ás con minusvalías e con dificultades motoras e de logopedia para nenos/ás con déficits na linguaxe.
• Colaboración coa escola de Música Play no Proxecto Musiqueku, co que se estimula e mellora a comunicación de nenos/ás con necesidades especiais de aprendizaxe utilizando a música como vehículo e como terapia.

Entre outros recoñecementos nos últimos anos, recibiu as seguintes distincións:
• Premios "Galegos do Ano" outorgado polo grupo Correo Galego (2008).
• Insignia de Ouro da Asociación Galega de Pediatría (2009).
• Premio de "Territorios Solidarios" do grupo BBVA (2012).
• Premio da "Fundación Inocente Inocente" (2013).
• Premio de "Territorios Solidarios" do grupo BBVA (2013).
• Galardón de "Mozos Solidarios" da D.O La Mancha (2013).
• Primeiro Premio dos "Premios Solidarios Cenor" (2013).

María Castro Gigirey
Nacida en Santiago de Compostela en 1972.
Licenciada en CC. Económicas e Empresariais.
Máster en Auditoria de Contas pola Universidade de Santiago de Compostela e en Alta Dirección Sanitaria pola Universidade Da coruña.
Especialista en Dirección e Xestión de Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela.

Actualmente Técnico Superior de Xestión na "Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía".

Entre outros recoñecementos nos últimos anos, cabe destacar:
. Galega do mes de marzo 2012 nomeada polo grupo El correo Galego.
. Patroa representante da firma BLUSENS na Fundación Andrea de axuda aos/ás nenos/ás con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais ata o 2010.
. Dama da ilustre Orde dá Vieira no (2008).

Á súa activa traxectoria profesional e investigadora engádese que no ano 2009 funda a campaña solidaria "XUNTOS PODEMOS" de axuda ás familias no paro e necesitadas de Santiago de Compostela e bisbarra; colaborando en rede con fundacións e ongs xa consolidadas, así como organizando eventos moi diferentes para recadación de fondos: concertos, rastros, feiras de libros, cursos, talleres etc.

"Xuntos podemos" nace como unha campaña de participación cidadá a pé de rúa, na que non só se busca a achega monetaria senón o apoio e a concienciación de todos/as para eliminar as situacións de pobreza e desigualdade da bisbarra.
A pesar de ter unha forma peculiar fóra da estrutura clásica de fundación ou asociación, ten un gran volume de participación tanto a nivel de voluntariado profesional e non profesional, coma a nivel de implicación nas necesidades máis urxentes de moitas familias compostelás.

O segredo de Xuntos podemos reside en que é un pouco de todo o mundo e de ninguén na súa totalidade.

María Jesús Iglesias Gómez
Nacida en Santiago de Compostela en 1956.

Realizou os seus estudos na Academia Alcázar e no Instituto Rosalía de Castro de Santiago.

Casada con Serafín Varela e nai de tres fillos/ás: Patricia, Luis e Soana.
Traballadora durante anos de "El Pilar Grandes Almacéns". No ano 1977 emigra a Suíza, onde permanece ata o ano 1995, un ano despois de falecer a súa filla Patricia, acontecemento determinante na súa experiencia vital.

Unha vez retornada inicia a súa actividade profesional na hostalaría, abrindo ao público o Bar Paluso na rúa Raxeira e un ano despois en Conxo, pechándoo no ano 2000, por circunstancias sobrevidas de saúde.

Como propietaria do bar Paluso inicia a tradición de ofrecer e compartir a cea de Noiteboa e a comida de Nadal para que todas aquelas persoas que non teñen con quen celebrar as festas non teñan que facelo en soidade; trasladando o devandito evento ao centro sociocultural de Conxo, tras o peche do seu emblemático local. Dende hai xa 18 anos, Mª Jesús e a súa familia cumpriron fielmente coa súa filosofía de que "ninguén pase só ou sen comida estas festas".

Ademais da súa traxectoria á fronte deste gran proxecto solidario cabe destacar a súa dedicación diaria polas noites repartindo alimentos, roupa de abrigo e mantas, por distintas zonas e lugares da cidade onde persoas pasan a noite buscando un acubillo.

Compartir: