XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o calendario de prazos de admisión nas escolas infantís de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños

27/02/2014 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o calendario de prazos de admisión e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2014-2015. Tamén acordou solicitar á Xunta de Galicia unha nova edición do Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, as familias con nenos e nenas inscritas nas tres escolas infantís municipais terán de prazo do 1 ao 10 de marzo para solicitar a renovación da súa admisión. O 14 de marzo publicaranse as listas de vacantes e, do 15 de marzo ao 15 de abril, poderanse realizar as solicitudes para novos ingresos. Entre o 2 e o 10 de maio publicaranse as listas provisionais de admitidos e agarda e, unha vez estudadas as posibles reclamacións, faranse públicas as listas definitivas (do 23 ao 31 de maio) e abrirase a matrícula (do 1 ao 5 de xuño).

Rehabilitación da escola de Villestro
A Xunta de Goberno tamén acordou solicitar á Xunta de Galicia unha nova edición do Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa. Nesta ocasión, os participantes encargaríanse da rehabilitación da vella escola unitaria de Villestro, que posteriormente será destinada a actividades de turismo ecolóxico.

Lecer e aventura
Por outra parte, deuse o visto bo ao III Programa de lecer e aventura para a xuventude de Compostela. Semana Santa 2014, da Concellería de Xuventude. Comprende accións dirixidas ao goce dos espazos naturais e dos deportes de aventura que se desenvolverán no Parque Pena Aventura Park, na localidade de Bustelo-Salvador, en Portugal. O orzamento para este programa de Semana Santa é de 4.610 euros.

Campionato de España de Grupos Show
A proposta do concelleiro de Deportes, aprobouse o convenio entre o Concello e o Club Deportivo Fontiñas para 2014 para o Campionato de España de Grupos Show de patinaxe artística. O Concello achega 6.000 euros para esta competición, que se desenvolverá os días 1 e 2 de marzo no Pavillón Multiúsos Fontes do Sar.

Compartir: