CULTURA

A opereta "Barbazul, unha sabotaxe amorosa", de novo na Zona C

26/02/2014 Barbazul, unha sabotaxe amorosa volve de novo esta semana á Zona C tras a suspensión das funcións a pasada fin de semana por motivos de saúde dun dos protagonistas da mesma. Serán catro as funcións que poderemos ver desta opereta para clown e soprano dirixida por Marta Pazos e protagonizada por Mónica de Nut e Borja Fernández. Poderemos vela de xoves a domingo ás 20:30 horas (domingo ás 19:30 horas) na Zona C.

En Barbazul, unha sabotaxe amorosa, Mónica de Nut e Borja Fernández constrúen unha versión libre do mito de Barba Azul partindo do libreto que escribiu o poeta húngaro Bela Bálasz para unha ópera de Bartok no ano 1918. Barba Azul é un mito clásico da tradición europea, reinterpretado en múltiples ocasións, na linguaxe das artes literarias, escénicas e cinematográficas.

Borja Fernández é actor, músico e performer. Actualmente traballa como intérprete multidisciplinar freelance, ademais de ser compositor e letrista no grupo de rock É Unha Árbore. Traballou en proxectos escénicos de teatro físico, teatro clásico, teatro musical, ópera, danza, circo, música, cinema, televisión e multidiscilplinares de diferentes produtoras destacando: La fura dels Baus, Chévere, Pt Excéntricas, Matarile Teatro, Centro Dramático Galego, Teatro Nacional Sao Joao (Portugal), Pistacatro e Voadora.

Cofundador das compañías Belmondo, Arrepentimentos de Padrón e Pistacatro, realizou espazos sonoros para espectáculos e participou en curtametraxes, series de televisión, cinema, teatro radiofónico e performances. Recibiu un nomeamento aos premios María Casares pola música do espectáculo Kamikaze, coproducida polo Centro Dramático Galego e a compañía de novo circo Pistacatro, dirixido por Hernán Gené. Cos seus espectáculos, e en colaboración con outros artistas, foi de xira por España, Portugal, Cuba, Mozambique e República Checa, a través de festivais internacionais e intercambios socio-culturais.

Mónica de Nut canta ópera, jazz, música de raíz, música experimental... e ten experiencia na interpretación teatral e na danza contemporánea. Estudou piano e pedagoxía musical. Formouse no canto lírico licenciándose na Escuela Superior de Canto de Madrid e tamén na música tradicional galega e no jazz.

Despois do éxito do seu primeiro disco, Mónica de Nut Trío, mellor disco 2012 segundo a revista Distrito Jazz, está a presentar o seu novo traballo, Dos fíos invisibles chegan as cores, xunto co guitarrista Virxilio da Silva.

Colabora con varias agrupacións musicais e teatrais. Está a rodar os seus proxectos en solitario voz soa e intervencións de rúa e organiza obradoiros participativos de técnica vocal para profesionais e lúdicos como os Comando grito ou Gran coro de bebés: non hai cantante pequeno.

Ten participado en montaxes operísticas, teatrais e de teatro musical, destacando a interpretación de Jenny na Ópera dos tres reás, producida polo CDG, dirixida por Quico Cadaval e protagonizada por Luis Tosar.

Entradas á venda
As entradas poden mercarse xa en entradas.novagaliciabanco.es, no teléfono 902 434 443 e no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h). Ademais, poden adquirirse tamén no despacho de billetes do propio sitio do evento, a Zona C, desde dúas horas antes do comezo do mesmo. O prezo é de 8 euros (6 € o xoves, día do espectador ).

Compartir: