OFRENDA

O presidente da Xunta fai unha chamada ao acordo e á convivencia na ofrenda ao Apóstolo

25/07/2006 O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, solicitoulle ao Apóstolo que "a luminaria da súa presenza en Santiago de Galicia sirva para clarexar os camiños compartidos pola España plural". Este e outros temas de actualidade, coma o terrorismo, a violencia ou a identidade de Galicia foron os protagonistas da ofrenda realizada polo delegado rexio na Catedral compostelá, no máis tradicional dos actos cos que se celebra o 25 de xullo.

Tras pasar revista ás tropas e saudar ás autoridades, o presidente da Xunta e o resto de autoridades, incluído o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e boa parte da Corporación Local, asistiron á Santa Misa. No transcurso do acto relixioso, Pérez Touriño realizou a ofrenda, na que comezou por lembrar a orixe da mesma, en 1643. "Fala da continuidade dun proxecto común que en cada momento histórico, para ser duradeiro, tivo, ten e terá que acomodarse ás circunstancias mudables propias dos aconteceres humanos".

Xa remitíndose á actualidade, solicitou axuda "para que o camiño de acordo e convivencia que os pobos de España atoparon no gran pacto constitucional de 1978, fito inaugural dun dos períodos máis benéficos da nosa historia común, se prolongue sobre bases sólida, de acordo coas peculiaridades do novo século".

Fin do terrorismo

Como en case tódalas ofrendas dos últimos anos, non faltou a alusión ao terrorismo. Ante a nova etapa que se abre neste campo, Pérez Touriño demandoulle ao Apóstolo a súa graza para que "tódolos responsables de tan dificultoso proceso asuman co máximo acerto as súas responsabilidades e estean á altura do que espera de eles a gran maioría dos españois".

Entre os asuntos de plena actualidade, o presidente da Xunta tamén se acordou das vítimas da violencia doméstica, das dificultades dos mozos e mozas, da desatención das persoas maiores, da traxedia humanitaria do continente africano ou da chegada de inmigrantes.

Tralas referencias a todos estes temas, Pérez Touriño dedicoulle un especial capítulo a Galicia e a súa identidade. "Aprendemos hoxe que a reivindicación das identidades históricas, culturais e nacionais, hoxe ameazadas polos ventos uniformizadores da globalización, é perfectamente compatible coa defensa dos valores e principios que consagran a igualdade básica da condición humana", apuntou.

Educación e familia

A educación tamén mereceu a alusión do máximo responsable autonómico "como o vieiro máis directo cara a ese ben supremo que é a liberdade". Demandou do Santo "a dignidade e o máximo respecto que nos merecen todas as persoas que fixeron do exercicio docente o obxectivo das súas vidas". Ademais, Pérez Touriño proclamou a súa fe na mocidade galega.

Outro dos eixes da intervención foi a familia, respecto da cal resaltou a necesidade de políticas de apoio á mesma en dúas direccións: a da vivenda e a da conciliación da vida familiar coa laboral. Finalmente, invocou a todos aqueles colectivos que depositaron a súa confianza nel como xestor público: labregos, mariñeiros, traballadores, empresarios e, especialmente, as mulleres "fortes coma carballos centenarios e tenras coma o colo materno, que non dubidaron en coller o remo cando o vento non sopraba nas velas, ou botar man do arado cando os homes navegaba nos mares da emigración". Estas mulleres, apuntou, "condensan as mellores virtudes deste pobo que hoxe, en nome de El-Rei e por boca do seu Presidente, vos presenta esta ofrenda".

Trala finalización da cerimonia relixiosa, na que non faltou a posta en marcha do botafumeiro, a comitiva dirixiuse ao Concello, onde o Delegado Rexio e as demais autoridades foron recibidas polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Pérez Touriño asinou no Libro de Honra da cidade e interviu no Salón Nobre. As autoridades tiñan previsto logo nun asistir a un almorzo ofrecido polo arcebispo compostelán no Seminario Maior.

Ademais do presidente da Xunta e do alcalde de Santiago, participaron nestes actos, entre outros, a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, o xeral xefe da Forza Loxística Operativa e da Rexión Militar Noroeste, Juan Yagüe, e os conselleiros de Educación, Política Territorial, Economía e Facenda, Presidencia, Traballo, Medio Ambiente, Pesca e Sanidade.

Documentos relacionados



Compartir: