ALCALDÍA

Doce expertos europeos en ensino de linguas coñecen en Santiago o modelo formativo das escolas oficiais de idiomas

24/02/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, recibiron un grupo de 12 expertos europeos en ensino de linguas que participan nunha visita de estudos organizada pola Escola Oficial de Idiomas e financiada pola Comisión Europea. A visita ten como obxectivo amosarlle a estes expertos o modelo de ensino de linguas para adultos das escolas oficiais de idiomas.

Os 12 expertos proceden de Austria, Polonia, República Checa, Irlanda, Eslovenia, Eslovaquia, Estonia, Polonia, Escocia, Inglaterra, Hungría e Italia. Entre eles figuran directores de centros e departamentos e responsables educativos dos seus países de orixe.

O programa da visita contempla diversas actividades, como o intercambio de ideas, prácticas e coñecementos entre todos os participantes e a EOI de Santiago de Compostela; a visita ao centro, ao Centro Autonómico de Formación e Innovación, a algunha das seccións delegadas (Sar e Noia) e a centros de ensino secundario con seccións bilingües ou plurilingües (IES Virxe do Mar de Noia e IES Arcepisbo Xelmírez de Santiago de Compostela); a observación da aprendizaxe do alumnado compostelán nas clases; e relatorios sobre o uso das novas tecnoloxías nas aulas de linguas estranxeiras, a formación continua do profesorado galego, o ensino de materias non lingüísticas en lingua estranxeira nos institutos de ensino secundario ou o sistema de avaliación e certificación nas EOI.

Exposición no CSCXM do Ensanche
A colaboración municipal coa EOI de Santiago de Compostela esténdese tamén a outros ámbitos. Así, con motivo do centenario da existencia das escolas oficiais de idiomas, Santiago acolle unha exposición conmemorativa ata o 6 de marzo. Logo, a mostra continuará o seu periplo por outras vilas e cidades galegas.

A exposición divídese en dúas partes. A primeira, que se exhibe na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, leva por título Cen anos a che dar a palabra e fai unha viaxe pola historia das EOI, dende a creación da Escuela Central de Idiomas de Madrid, no ano 1911, ata a actualidade. Nela faise un percorrido gráfico e histórico polos 100 anos destas institucións educativas e os seus protagonistas principais, alumnado e profesorado, e expóñense documentos administrativos e bibliográficos que fan parte do seu devir.

A segunda parte, denominada O noso son as linguas, que conta tamén cunha parte interactiva e audiovisual, exponse no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e presenta un percorrido por todas as linguas que se ensinan e aprenden nas escolas oficiais de idiomas do Estado, con paneis explicativos individualizados por cada unha delas.

Pódese atopar máis información sobre esta e outras actividades en www.eoisantiago.org ou nos teléfonos de contacto 606 383 584 e 981 554 710.

Compartir: