FESTAS

Músicos galegos reencontraranse co seu público no Día Grande de Galicia a través do espectáculo "A viaxe do Son"

24/07/2006 Xa está todo preparado para vivir un dos espectáculos de fogos artificiais máis impresionante que se fai nun casco histórico de España. Ás once e media da noite a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela quedará iluminada pola sincronización de fogos, imaxes e música que conforman o espectáculo "Arte2". A empresa encargada de crear este mundo máxico, Pirotecnia Caballer, sinala que o espectáculo está moi coidado e estudado e que será a primeira vez que nun espectáculo de pirotecnia se consiga a sincronización perfecta de todos os compoñentes. 900 quilos de pólvora e 4.500 ordes de disparos para dar a benvida ao Día Grande de Galicia.

A xornada do martes 25 de xullo comezará coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago na Catedral. Será ás 10:00. Xa a partir das doce e media do mediodía as rúas da cidade serán animadas por cabezudos e gaiteiros. Ás dez da noite a orquestra Combo Dominicano alegrará cos seus sons a todos os que se acheguen ata a Alameda.

A cita forte do día será ás once da noite na praza da Quintana. Estrella Galicia celebra este ano o seu centenario e para festexalo organiza o concerto "A viaxe do son", onde artistas galegos e internacionais unen os seus sons no Día do Apóstolo.

Un cartel de luxo, para un día de luxo: Budiño, Leilía, Uxía, Buika e Jerry González serán os encargados de animar a xornada. Xosé Manuel Budiño amósase satisfeito por formar parte deste proxecto, dirixido por Javier Limón. Segundo sinala o artista de Moaña, os temas que se tocarán "son un repertorio de música galega tocada con outra visión, outras cores e outros sabores que nos permite ao traballar con artistas de xeografías tan diversas".

Para Budiño contar co escenario da Quintana para este espectáculo é un gran honor. "É unha experiencia que me enche por moitas cosas, polo contorno, polo día…–continúa– aínda que presentei todos os meus discos na Quintana, mañá vai ser como se fose a primeira vez".

O espectáculo "é unha oportunidade importante para a música galega, un punto de partida para proxectar a nosa música cara ao exterior e, quen sabe, ao mellor tamén para iniciar unha xira internacional con este espectáculo", conclúe Budiño.

Por outra banda, os amantes da música afroflamenca teñen unha cita ás doce da noite no Toural para gozar cos sons de Papá Ikot.

Compartir: