XUVENTUDE

Segunda final do Certame SantiAutor

20/02/2014 Este venres 21 de febreiro celebrarase a segunda das tres finais do I Certame de Música SantiAutor para artistas noveis, organizado pola Concellería de Xuventude xunto coa Sala Sonar. Nesta segunda xornada actuarán The L´Adelines Garden, Su Garrido, Plan Siberia e David Prado.

O concerto terá lugar na Sala Sonar a partir das 22:00 horas, abríndose as portas media hora antes. A entrada é libre ata completar o aforo. Cada un dos finalistas disporá de 20 minutos de actuación.

A seguinte final será o 27 de febreiro. Ao día seguinte farase público o nome dos tres gañadores, no transcurso do primeiro concerto da 5ª edición do Festival SantiAutor.

Neste certame participan cantautores cunha idade non superior aos 35 anos e que non teñan ningún disco editado. Os interesados debían presentar unha maqueta con dous temas orixinais e as letras das dúas cancións a concurso.

O premio para os gañadores será ser teloneiros dos participantes no V Festival SantiAutor. Ademais, o primeiro clasificado actuará en dous concertos e, o segundo, nun concerto, como artistas principais, na Sala Sónar.

Festival SantiAutor
O Festival SantiAutor chega xa á súa quinta edición. Para celebrar estes cinco anos dun certame xa consolidado, programáronse oito concertos na Sala Sónar. O primeiro celebrarase o 28 de febreiro e terá como protagonista un artista novo compostelán, Fredi Leis.

O 8 de marzo será a vez do violinista madrileño Marino Sáiz, mentres que o 15 dese mesmo mes actuará Xabier Díaz, unha das voces máis autorizadas do panorama musical galego. O seguinte concerto será o de Luis Ramiro, un dos referentes da nova música de autor española, o 22 de marzo. Pechará o programa do mes, o día 22, a cantante cántabra Gastelo.

O certame completarase en abril con outros tres concertos, o primeiro dos cales será o do cantautor catalán Rafa Pons (5 de abril). Para o 12 de abril preparouse un concerto dobre a cargo de Rozalén e Paco Cifuentes. Esta edición 2014 do SantiAutor concluirá co agardado concerto de Marwan.

Compartir: