OFRENDA

Compostela prepárase para a ofrenda ao Apóstolo nun 25 de xullo cheo de actos

24/07/2006 A cidade prepárase para o seu día grande. Milleiros de composteláns e de visitantes vivirán na rúa o 25 de xullo, unha xornada chea de actos institucionais e de eventos festivos para todos. A actividade comezará pola mañá, coa Ofrenda ao Apóstolo Santiago, da que este ano se encargará como Delegado Rexio o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Os actos oficiais comezan co entrada das tropas na Praza do Obradoiro e coa chegada das distintas autoridades. Pouco despois das 10:00 horas chegará o Delegado Rexio, que pasará revista ás tropas e saudará ás autoridades. Logo deste acto protocolario e tralo saúdo do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, a comitiva dirixirase á Catedral de Santiago, onde se oficiará a Santa Misa.

Xa no transcurso do acto litúrxico, Emilio Pérez Touriño realizará a invocación ao Apóstolo, á que responderá o arcebispo compostelán na súa homilía. Non faltará tampouco a bendición papal e a posta en funcionamento do botafumeiro.

A comitiva dirixirase posteriormente ao Concello, onde o Delegado Rexio e as demais autoridades serán recibidas polos alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Pérez Touriño asinará no Libro de Honra da cidade e intervirá no Salón Nobre. As autoridades participarán logo nun almorzo ofrecido polo arcebispo compostelán no Seminario Maior.

A Ofrenda ao Apóstolo Santiago conta con máis de tres séculos e medio de historia e, nesta ocasión, é a primeira vez que Pérez Touriño actúa coma delegado rexio. Nos últimos anos, dende 1999, Juan Carlos I realizou a ofrenda en dúas ocasións, 1999 e no 2004, ambos Anos Xubilares; o ex presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, oficiou a Ofrenda no ano 2000; a Infanta Cristina foi Delegada Rexia no ano 2002; o ex presidente do Parlamento, José María García Leira, no ano 2003, e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, nos anos 2001 e 2005.

E trala Ofrenda, tempo para o goce nas rúas composteláns para todos e todas, co intenso programa de festas previsto para este día. Dende as 12:30 horas, cabezuos e gaiteiros animarán as rúas, ateigadas un ano máis por esta data. Diversas actuacións porán o complemento festivo a este día cheo de simbolismo.

A este caracteres festivos e de representatividade alude precisamente o alcalde compostelán no seu bando. Sánchez Bugallo anima a participar da "homenaxe da Capital a todos os cidadáns,galegos e galegas, que se senten universalmente representados por Compostela".

Documentos relacionados



Compartir: