CONSORCIO

A exposición de fotografías "Santiago de Compostela en branco e negro" amosa os contrastes arquitectónicos da cidade

20/02/2014 Presentouse na Casa do Cabido a exposición Santiago de Compostela en branco e negro, unha mostra de fotografías promovida por Teófilo Comunicación en colaboración co Consorcio da cidade. No acto de presentación estiveron a xerente do Consorcio, María Antón; o director de Teófilo Comunicación, José Luis Teófilo; e o autor das imaxes, o fotógrafo Alberte Peiteavel.

A exposición reúne 53 fotografías en branco e negro que permiten facer un percorrido pola arquitectura da cidade, dende o casco histórico e as súas construcións monumentais ata as zonas máis novas, con construcións máis modernas e actuais.

Estas imaxes, expostas a gran tamaño, forman parte dunha publicación do mesmo título. Lugares tan dispares como o Parlamento de Galicia, o Teatro Principal, o Multiúsos Fontes do Sar, a Praza de Abastos e ata o Aeroporto están plasmados nesta mostra.

O percorrido pola exposición representa un paseo pola cidade de Santiago de Compostela. Nesta liña, tal como salientan os impulsores desta iniciativa, "percorrer a cidade de Santiago de Compostela é mergullarse na súa historia e descubrir que o paso do tempo foi configurando un dos conxuntos arquitectónicos máis espléndidos e harmónicos do mundo. Cidade monumental ante todo, constitúe unha marabilla pétrea chea de contrastes".

É un xeito diferente de ver a cidade no seu día a día, as súas xentes, os peregrinos e visitantes que van e veñen, as rúas, os xardíns, os monumentos e as pedras que nos contemplan dende hai séculos; a cidade e os detalles que nos pasan desapercibidos, de día e tamén de noite.

A entrada á exposición é libre. Poderá visitarse de martes a sábados, de 10:00 a 14:00 horas polas mañás e de 16:00 a 20:00 horas en horario de tardes; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns, a Casa do Cabido, situada na praza das Praterías, permanece pechada. A mostra estará ata mediados do mes de xuño.

Compartir: