ECONOMÍA

Clausurado o programa formativo de creación e consolidación de empresas "Emprende en positivo"

20/02/2014 A concelleira de Economía, Reyes Leis, asistiu no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio á clausura do programa formativo de creación e consolidación de empresas e autoemprego Emprende en positivo. A posta en marcha deste programa en Santiago foi posible grazas a un convenio asinado polo Concello coa Cámara de Comercio e coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación Incyde).

Esta iniciativa estaba dirixido a emprendedores que desexaran facer un proxecto viable de creación de empresa, así coma aos empresarios/as que quixeran consolidar o seu negocio, mellorar a rendibilidade da súa empresa e avaliar outras alternativas de expansión. Para iso, a Cámara de Comercio e a Fundación INCYDE, fixeron un programa de formación dirixido á creación e consolidación de empresas e o autoemprego. O Concello apoiou esta iniciativa, que se suma ao traballo de asesoramento e de fomento da cultura emprendedora que xa se vén realizando dende o Cersia Empresa.

A selección dos 50 participantes realizouse en base a unha entrevista, na que se avaliaron as posibilidades dos proxectos presentados. Os seleccionados participaron ao longo de tres meses nun programa que incluíu consultorías individualizadas e adaptadas á propia dispoñibilidade horaria dos participantes, e formación en diversas materias de xestión. Superado este proceso de formación, a Cámara seguirá prestando asesoramento a estes emprendedores durante dous anos, ofrecéndolles tamén a posibilidade de aloxarse no viveiro de empresas da entidade.

Compartir: