DEPORTES

Presentación do cartel oficial do Campionato de España de Patinaxe de Grupos Show

20/02/2014 Santiago de Compostela será este ano 2014 o escenario do Campionato de España de Patinaxe de Grupos Show, organizado polo Club Deportivo Fontiñas en colaboración co Concello de Santiago. O evento desenvolverase os días 1 e 2 de marzo no Multiúsos Fontes do Sar, pavillón onde tivo lugar o pistoletazo de saída coa presentación oficial do cartel que presidirá estas xornadas de patinaxe a cargo do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e do presidente do C.D. Fontiñas, Javier Laíño.

Máis de 600 patinadores participarán neste campionato, ao que asistirán máis de 40 clubs de toda España. O primeiro día de competición, o 1 de marzo, patinarán 21 equipos de grupos show pequenos e, o 2 de marzo, 20 equipos de grupos show grandes. O sábado 1 de marzo, ás 18.00 horas, inaugurarase este Campionato de España, no que competirán os mellores equipos do país, incluíndo os campións de Europa e do Mundo. As clasificacións obtidas neste campionato servirán para conseguir praza para o campionato europeo do próximo ano que terá lugar en Amsterdam.

Con motivo do XX aniversario do C.D. Fontiñas, a Real Federación Española de Patinaxe manifestou o seu apoio ao club outorgándolle a organización desta XIII edición do Campionato de Grupos Show. Compostela será este ano 2014 a capital da patinaxe artística de Galicia e de España, xa que con anterioridade ao Campionato de España, o C.D. Fontiñas organizou XIII Campionato Galego de Grupos Show, celebrado os días 1 e 2 de febreiro no Pavillón Municipal de Santa Isabel.

Compartir: