CULTURA

O músico francés David Kadouch inaugura o VI Ciclo de Piano Ángel Brage

19/02/2014 O pianista francés David Kadouch inaugura este xoves o VI Ciclo de Piano Ángel Brage cun programa no que interpretará obras de Janácek, Bartók e Chopin. Será a partir das 21:00 horas no Auditorio de Galicia. As entradas para este concerto poden mercarse xa no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas) ou en Novagalicia Banco (web e teléfono). Ademais, o xoves estará aberta a billeteira do Auditorio dende as 18:00 horas ata a hora do concerto. O prezo é de 12 euros, 6 euros para estudantes e xubilados. Está dentro do programa de Abono do Auditorio de Galicia, polo que os abonados non teñen que mercar entrada.

Nacido en Niza en 1985, David Kadouch estase convertendo nun dos pianistas máis aclamados da súa xeración. Comezou os seus estudos con Odile Poisson. Aos 14 anos ingresou no Conservatorio de París na clase de Jacques Rouvier. Tras recibir o primeiro premio con honores no Conservatorio Superior de Música de París trasladouse á Escola Reina Sofía de Madrid, onde estudou con Dimitri Bashkirov. Perfeccionou a súa formación con Murray Perahia, Mauricio Pollini, Maria-João Pires, Daniel Barenboim, Vitaly Margulis e Itzhak Perlman.

Aos 13 anos, Kadouch foi invitado por Itzhak Perlman a tocar baixo a súa dirección no Metropolitan Hall de Nova York. Aos 14 actuou no Conservatorio Chaikovski de Moscú e en 2008 Perlman invitouno de novo para tocar o Quinteto para piano de Schumann no Carnegie Hall. En 2005, Daniel Barenboim elixiuno para participar no DVD Baremboim on Beethoven, gravado no Symphony Center de Chicago. Baremboim tamén o reclamou para reemplazar a Murray Perahia en Xerusalén en 2008 e a Lang Lang en Ramala.

Actuou nos principais festivais, como Lucerna, baixo a dirección de Pierre Boulez, Festival de Piano de Ruhr, Gstaad, Verbier (Prix d’Honneur 2009), Montreux, Schwetzingen, Jerusalén, La Roque d'Anthéron, "Folles Journées" de Xapón, "Piano aux Jacobins" en China, Tonhalle de Zúric e Louvre de París. Tamén toca música de cámara con Renaud Capuçon, Antoine Tamestit, Michel Dalberto, Nikolaj Znaider, Frans Helmerson e cos cuartetos Quiroga, Ebène e Ardeo.

Na temporada 2011/12 actuou coa Orquestra Filharmónica de Israel e con outras agrupacións en Frankfurt, Moscú, París, Burdeos, Cannes e Pau. Ofreceu recitais en París, Avignon, Lyon, Toulouse, Lucerna, Múnic, Lisboa, nas "Folles Journées" de Nantes e nos festivais de Saint-Denis, Montpellier, Estrasburgo e Verbier.

A súa discografía inclúe o Concerto núm. 5 Emperador de Beethoven coa Filharmónica de Colonia, Preludios de Shostakovich e o Concerto sen orquestra e o Quinteto para piano de Schumann. O seu último disco inclúe os Cadros dunha exposición de Mussorgski, a Sonata de Medtner e o Preludio e Fuga de Taneyev.

Gañou o concurso Beethoven de Bonn 2005 e o Concurso Internacional de Piano de Leeds en 2009. En 2010 recibiu o premio Victoires da Musique ao Artista Revelación e en 2011 foi o triunfador nos International Classical Music Awards na categoría de Novo Artista do Ano.

Compartir: