XUNTA DE GOBERNO

Visto bo ao proxecto da Finca do Espiño

24/07/2006 A Xunta de Goberno local aprobou os proxectos de rehabilitación do Palacete da Finca do Espiño e de urbanización e parque público da Finca do Espiño. Así mesmo, acordouse requirir a Layetana Santiago o ingreso das cantidades estipuladas no convenio urbanístico co Concello, que suman un total de 2.286.530 euros.

A actuación na Finca do Espiño pretende recuperar o valor deste espazo natural e da antiga horta do Palacete despois de anos de abandono e de crecemento sen control da vexetación. Para o acondicionamento deste parque destinaranse 950.000 euros. O proxecto recuperará para o goce dos cidadáns os percorridos existentes no xardín-monte e desenvolve itinerarios con zonas de descanso e vistas sobre o contorno.

Pola súa parte, o palacete do Espiño será rehabilitado para destinalo a uso administrativo do Concello de Santiago. O proxecto contempla catro grandes salas polivalentes, dúas en cada plantas, e a recuperación do antigo oratorio coma salón de actos. O arquitecto francés Jean Nouvel encargouse do deseño deste proxecto de rehabilitación.

382 vivendas en Tras Paxonal

Por outra parte, a Corporación Local aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do solo urbanizable non programado número 14 (SUNP-14), denominado Tras Paxonal. Esta actuación afectará a unha superficie de 69.400 metros cadrados, nos que se construirán 382 vivendas. O investimento será de 5,2 millóns de euros. Ao mesmo tempo, aprobouse o inicio do expediente de expropiación deste solo, que suporá un gasto de máis de 8 millóns de euros pola apropiación de solos, edificios e gastos de traslado.

Outro dos acordos da Xunta foi a aprobación do proxecto de execución do acondicionamento da praza de Cervantes e entorno. Investiranse 415.000 euros nunha obra que afecta á Praza de Cervantes, á rúa de San Bieito, á Praza do Irmán Gómez e á Praza da rúa da Oliveira. Tamén comprende a colocación dunha illa ecolóxica de contedores na Algalia de Abaixo.

Tamén importante é a obra que se realizará na Escola Infantil de San Roque, na que se investirán 484.405 euros. Aprobouse o proxecto técnico e o inicio de contratación da mesma.

No eido do Deporte, deuse o visto bo ás obras de reforma do campo de fútbol das Cancelas. Cun custo de 390.653 euros, esta actuación comprende fundamentalmente a dotación do campo con herba artificial de última xeración. Por este motivo, acordouse solicitar á Deputación da Coruña a subvención da obra.

Finalmente, a Xunta de Goberno ratificou o convenio de colaboración entre a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e o Concello de Santiago, mediante o cal a primeira se compromete a aboar ao Concello de Santiago as cantidades para facer fronte aos intereses e pago do xustiprezo das fincas expropiadas do Monte do Gozo. O importe total ascende a 745.727 euros.

Compartir: