CONSORCIO

O recoñecido clarinetista Maximiliano Martín impartirá clases a músicos galegos

17/02/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana o recoñecido trompetista tinerfeño Maximiliano Martín transmitirá os seus coñecementos sobre este instrumento de vento. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense tres prazas para alumnos externos ao centro.

As clases celebraranse o mércores 26 de febreiro, de 10:00 a 14:00 horas, e o venres 28, de 12:00 a 13:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Para os que opten por asistir só como oíntes non hai límite de prazas.

Ademais, a vindeira semana o músico actuará como solista coa Real Filharmonía de Galicia. Celebraranse dous concertos, o xoves 27 no Auditorio de Galicia e o venres 28 no Palacio da Ópera da Coruña.

Clases en todo o mundo
Nacido no municipio tinerfeño da Orotava, Maximiliano Martín estudou en Tenerife e no Royal Collage of Music de Londres, onde se graduou con honores. É un dos músicos máis interesantes e carismáticos da súa xeración. Despois de ser nomeado Clarinete Solista da Scottish Chamber Orchestra en 2002 e gañar o Certame de Novos Artistas "Tillet Trust" no mesmo ano, debutou en salas tan prestixiosas como o Wigmore Hall de Londres, no Queens Hall de Edimburgo ou no Glasgow Royal Concert Hall, entre outras.

Ten participado en multitude de festivais internacionais e ten sido galardoado en diversos concursos. Como solista actuou coas orquestras e as formacións de cámara máis importantes de Europa e mesmo en Sudáfrica, baixo as batutas máis ilustres. É membro do London Conchord Ensemble, un grupo que toca con regularidade no Reino Unido e noutros países. No campo docente é moi activo, impartindo clases por todo o mundo, incluído o continente asiático.

Compartir: