CULTURA

Rock ruso na Zona C da man de Motorama

14/02/2014 Dende unha das escenas musicais más descoñecidas de Europa, a rusa, chega por primeira vez a Galicia Motorama. Será este domingo, a partir das 20:30 horas, na Zona C, enmarcado dentro do ciclo Compostela Rock. As entradas teñen un custo de 9 euros anticipada e 12 o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en Ticketea, A Reixa Tenda e na propia Zona C o día do concerto dende as 19:00 horas.

Motorama é unha banda creada no año 2006 en Rostov on Don, unha remota cidade ao borde da fronteira con Ucraína. Abandeirados do post punk, un xénero moi popular no seu país, válense de sintetizadores, unha poderosa sección rítmica e unha voz que inevitablemente recórdanos á de Ian Curtis. Baixo a influencia de Joy Division, poden rastrexarse todo tipo de influenzas xunto co post punk máis ortodoxo que vai dende o dream pop ata a música electrónica de The Knife.

Firmes defensores do do it yourself, exercen un control total da súa música en todos os aspectos: dende a produción dos albumes ata a dirección dos seus vídeos, pasando polo deseño dos carteis dos seus concertos. Elixiron darse a coñecer ao marxe de discográficas, permitindo descargar a súa música de forma gratuíta e contan xa cun un nutrido grupo de fans por todo o mundo, especialmente en Sudamérica e con longas xiras por Europa, amén de encabezar os principais festivais rusos.

Cunha temática claramente relacionada coa natureza -"Two stones", "Alps", "Horse"-, melodías hipnóticas e cargadas de melancolía e un estilo que foi evolucionado dende os seus primeiros discos ata chegar ao recente Calendar, máis limpo e pulido, chegan agora a Santiago. Unha oportunidade única de gozar dunha das últimas sensacións do remoto e xélido leste.

Compartir: