URBANISMO E SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello reurbanizará Quiroga Palacios

14/02/2014 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que o seu Departamento acometerá nos vindeiros meses a reurbanización da rúa Quiroga Palacios. Así llo comunicou aos representantes das asociacións veciñais Amigos de San Pedro e A Xuntanza, do barrio de San Pedro. A edil compareceu en rolda de prensa acompañada de Cecilia Sierra, concelleira de Seguridade Cidadá en funcións, quen ofreceu o balance de danos do último temporal de vento e chuvia.

A decisión de reurbanizar a avenida de Quiroga Palacios foille comunicada aos veciños nunha xuntanza na que tamén se lles informou sobre a marcha das obras na rúa de San Pedro. Afirmou que os veciños coinciden en que "é mellor unha boa execución da obra que rematala mal anticipadamente".

María Pardo tamén se reuniu coas asociacións de veciños Aqualume (Galeras) e Río Sarela (San Lourenzo) para falar da obra da glorieta proxectada en Galeras. A concelleira explicoulles o procedemento seguido, aclarándolles seu a obra "non supón modificación do planeamento, que se trata dunha zona libre e non verde e que non require o paso polo Pleno". En canto á execución da obra, reiterou que "se manterá porque é beneficiosa para o conxunto da cidade e para a zona de Galeras en particular".

Balance de danos do temporal
Pola súa parte, a concelleira de Seguridade Cidadá en funcións, Cecilia Sierra, fixo balance das últimas horas do temporal de chuvia e vento. Dende a noite do xoves ata a mañá deste venres, as incidencias limítanse á caída de árbores en zonas como Lavacolla, A Sionlla, rúa Lisboa (Fontiñas), San Marcos, rúa Rapada ou estrada de Roxos a Reborido. Nesta última tamén caeu un poste eléctrico.

Referiuse a edil igualmente ao movemento de colectores do lixo e á caída de pranchas na Vía Edison (polígono do Tambre) e no palco da música de Lavacolla. Durante a mañá tamén se tivo que cortar durante media hora por unha bolsa de auga a avenida Gonzalo Torrente Ballester, dende a avenida de Lugo e en dirección ao polígono do Tambre.

Mentres se manteñan as inclemencias meteorolóxicas, manterase activo operativo de emerxencias integrado por Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Vías e Obras e as concesionarias Urbaser e Viaqua.

Auditoría
María Pardo e Cecilia Sierra informaron tamén na rolda de prensa do encargo dunha auditoría que aclare "o intento de cobro de facturas por 400.000 euros pola empresa concesionaria do servizo de augas por servizos non prestados, relacionadas co gasto de electricidade de catro depuradoras que non estaban en funcionamento".

Compartir: