FESTAS

Amparanoia celebra co público santiagués os seus dez anos de traxectoria

23/07/2006 Tralo éxito colleitado polo bailarín cordobés Joaquín Cortés coa presentación do seu último espectáculo, "Mi soledad", a xornada do luns 14 das Festas do Apóstolo presenta varios pratos fortes. A primeira cita do día será ás doce da mañá coa animación polas rúas de gaiteiros e o encontro de xigantes e cabezudos na Quintana. Xa pola tarde está prevista unha nova xornada de Ferradura Aberta para os máis novos.

Pero sen dúbida, o momento máxico do día terá lugar á noite co extraordinario espectáculo de luz e son da queima da fachada gótica no Obradoiro. Ás once e media da noite a cidade quedará iluminada polo espectáculo que ofrecerá a empresa valenciana Pirotecnia Caballer, onde se utilizarán 900 quilos de pólvora e se efectuarán 4.500 ordes de disparos pirotécnicos. Tal e como sinala o concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, "trátase do mellor espectáculo de fogos artificiais nun casco histórico de España e, quizais, de Europa". O espectáculo, que leva o nome de "Arte2", sincronizará ao mesmo tempo fogos, imaxes e música co fin de dar a benvida ao Día de Galicia, o 25 de xullo. Un espectáculo que durará pouco máis de trinta minutos.

Tralo remate dos fogos será o momento de vibrar cos sons dunha das voces máis típicas do sur de España, Amparanoia. A alma do grupo, Amparo Muñoz, presenta en Santiago o seu último traballo, "La vida te da", ao que cualifica coma "o mellor e máis delicioso de todos os álbumes". Ademais, esta visita conta con outro atractivo xa que Amparanoia celebra os dez anos do seu nacemento. Con este quinto disco, a andaluza desexa compartir co público o amor que sinte pola música.

"La vida te da" é unha nova descarga de mestizaxe e contido social. Neste disco os músicos tocan todos ao mesmo tempo, o que lle dá frescura e forza á gravación. O disco contén nove novos temas que van dende a rumba, o reggae ou bolero ao ska.

Ademais, a orquestra Ismael estará na Alameda para facer bailar a todos os que se acheguen ata alí e, á unha e media da mañá, a música italiana de Anónima Nuvolari no Toural pechará unha xornada chea de actividades para todos os gustos.

Compartir: