FUNDACIÓN GRANELL

O vangardista traballo fotográfico de Pedro Otero, na Fundación Granell

05/04/2005 O mércores 6 de abril, ás 20 horas, inaugúrase no segundo andar do Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell, a mostra "Pedro Otero. Fotografías". Está organizada polo Centro Galego de Artes da Imaxe, en colaboración coa Fundación Eugenio Granell.

Esta exposición, que poderá visitarse ata o 9 de maio , é unha nova entrega do traballo de investigación, recuperación e divulgación da historia da fotografía galega que vén facendo desde a súa creación o CGAI.

O interese da mostra radica, á marxe dos seus valores plásticos, na divulgación dunha obra que axude a entender as tentativas da linguaxe fotográfica por dotarse de vías de expresión a mediados do século pasado.

Na exposición amósanse unhas corenta fotografías das que a maioría corresponden á serie temática "A fotografía e a música". O CGAI e a Fundación Granell editan un catálogo coa totalidade das obras, cos textos de X. Enrique Acuña e Osvaldo Otero, comisarios da mostra, e cunha biografía de Pedro Otero.

A Fundación Granell abre de 11 a 14 e de 16 a 20 horas de luns a sábado, agás os martes, que está pechado, e os domingos, de 11 a 14 horas.

Pedro Otero
A obra de Pedro Otero é hoxe reivindicada como unha das de maior calado dentro do acontecer da fotografía arxentina do século XX.

Formado previamente no debuxo e na pintura, naceu en Avellaneda en 1911, fillo dun matrimonio emigrado de orixe galega. Sendo aínda neno coñeceu o mundo dos retratistas e fotógrafos de estudio e con eles traballou mentres estudaba artes en horario nocturno.

Logo de ter exercido como reporteiro gráfico durante algúns anos, en 1944 asenta e define a súa creatividade fotográfica, e comeza a participar nos debates que se aventaban dentro mundo da fotografía arxentina utilizando os foros dos fotoclubes, as revistas gráficas e os certames e exposicións.

A pegada na súa obra de Grete Stern, fotografa alemá exiliada na Arxentina, é resaltada pola crítica que confirma a Pedro Otero como continuador das mensaxes máis vangardistas que Stern e o seu marido, o tamén fotógrafo Horacio Coppola, transmitiron con éxito a un grupo sinalado e rupturista de fotógrafos arxentinos.

Autor de numerosas mostras entre 1952 e 1962, as súas series máis persoais sobre "As mans e o traballo", "A fotografía e o artista pola Paz", e "A fotografía e a música", son hoxe reivindicadas pola crítica, que sitúa estas mensaxes renovadoras de Pedro Otero como exemplo senlleiro dos fotógrafos que adoptaron máis riscos plásticos entre as décadas dos 50 e 60 do século pasado.

Logo da súa morte en 1981, e tras certos anos de silencio, a obra de Pedro Otero vive un proceso de recoñecemento e recepción.

Fillo dun carpinteiro de Pontedeume, obrigado a deixar a súa terra con destino á emigración arxentina a causa do seu papel protagonista nas loitas agrarias galegas de comezos do século XX, Pedro Otero, sempre tivo presente a orixe da súa familia e mantívose fiel aos principios éticos, baseados na xustiza social.

Quixo testemuñar dende a súa fotografía a historia da súa familia emigrante, e mesmo participou en primeira liña nos comités de apoio á II República española que, logo do golpe militar de 1936, foron creados por toda Arxentina.

Nos anos 50 coñeceu ao fotógrafo galego Xosé Veiga Roel, con quen mantivo unha intensa correspondencia. En varias ocasións tratou de expoñer en Galicia, pero as restrictivas condicións da época, tanto no económico como no cultural e o político, impidiron que tal circunstancia se producira.

Compartir: