CULTURA

Rosario Pardo, Carmen Gutiérrez e Marta Megías representarán en Compostela "El gran día de la madre"

13/02/2014 El gran día de la madre, comedia de Chascas & Quintanilla, estará en Compostela o vindeiro 21 de febreiro dentro do ciclo Teatro & Danza. Será ás 21:00 horas no Auditorio Novagalicia Banco. Esta comedia, dirixida por Julián Quintanilla, está protagonizada por Rosario Pardo, Carmen Gutiérrez e Marta Megías.

O mesmísimo día da nai, unha avoa, unha nai e unha neta, descobren que non son nin avoa, nin filla, nin neta. A partir dese momento, esas tres mulleres van facerse mil preguntas: unha nai, é a que te pare? A que te cría? A que te acepta como es? Para decidilo e decidirse, as nosas tres mulleres van celebrar, cunha infinita dose de humor e gargalladas, un explosivo día de festa que nunca poderán esquecer.

El gran día de la madre alimenta a premisa de que non hai amor mais puro que dar a vida en cada unha das súas facetas: no acto de procrear a un fillo; en entregarse a fondo para facer feliz a alguén especial; ou no feito de estar ata disposto a morrer para salvar a outro. A obra reúne en escena a Violeta, Cotillón e Prudencia, tres mulleres fortes e loitadoras, que levan demasiado tempo gardando secretos inconfesables. Son mulleres de diferentes xeracións, que descobren que ás veces hai que odiar o que se quere... para terminar querendo o que se odia.

E mentres esta avoa, a súa filla e a súa neta pelexan, rin, choran, e vomitan por fin todo o que se estiveron gardando, non se dan conta que no fondo comparten moito máis do que quixeran. Canto máis se distancian, máis recoñecen que non poden vivir a unha sen a outra. Seica non é iso a definición dunha verdadeira familia? Sen poñer nunca un pé fóra do vello mausoleo familiar, as protagonistas fan un divertidísimo percorrido emocional que as termina unindo para sempre: enganos, bágoas, sorpresas e sobre todo unha dose de peculiar humor, son os ingredientes da explosiva viaxe que propón ao publico este inesquecible gran día da nai.

Entradas á venda
As entradas poden mercarse xa en entradas.novagaliciabanco.es, no teléfono 902 434 443 e no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas). Ademais, poden adquirirse tamén no despacho de billetes do propio Auditorio Novagalicia Banco o propio día do espectáculo dende dúas horas antes do comezo do mesmo. O prezo é de 18 euros no patio de butacas e anfiteatro 1º e de 15 euros no anfiteatro 2º.

Compartir: