TURISMO

Nova aplicación para o Camiño de Santiago

13/02/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiron no Hostal dos Reis Católicos ao acto de presentación dunha nova aplicación para o Camiño de Santiago, nada da colaboración entre o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e a Xunta de Galicia para impulsar o Camiño como Destino Turístico Intelixente. No acto de presentación interviñeron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego; e o presidente de Segittur, Antonio López de Ávila.

O Camiño de Santiago en Galicia conta cunha nova aplicación, desenvolvida por Segittur, que xeolocaliza o usuario e permítelle seguir o trazado de cada etapa e ir obtendo información útil sobre os albergues, monumentos e recursos turísticos.

A través da aplicación pódese acceder a recursos multimedia e compartir contidos nas redes sociais, así como valorar os recursos a través dun sistema de check-in e puntuación con estrelas. Tamén se pode obter información sobre eventos, meteoroloxía ou contar con ferramentas como un compás ou unha lanterna.

A aplicación inclúe información sobre nove etapas en Galicia en español e en inglés: o Cebreiro-Triacastela; Triacastela-Sarria (por San Xil); Triacastela-Sarria (por Samos); Sarria-Portomarín; Portomarín-Palas de Rei; Palas de Rei-Melide; Melide-Arzúa; Arzúa-O Pedrouzo (O Pino); O Pedrouzo (O Pino)- Santiago.

A nova ferramenta permite, ao tempo, obter datos sobre a demanda do turista, mellorar as experiencias turísticas no destino e ser máis eficientes na xestión dos recursos. Está dispoñible para Android e proximamente estarao tamén para iOS.

Compartir: