DEPORTES

O III Cross de Compostela abre o calendario atlético do Concello de Santiago en 2014

13/02/2014 Este sábado, 15 de febreiro, celebrarase no parque de Salgueiriños a terceira edición do Cross de Compostela, evento que inaugurará o extenso calendario de atletismo de 2014 presentado recentemente pola Concellería de Deportes.

Esta terceira edición estará marcada pola celebración conxunta dun cross popular e dun campionato provincial escolar, no que máis de 500 atletas da provincia da Coruña, clasificados previamente nas xornadas de campo a través celebradas en decembro e xaneiro, se disputarán a clasificación para o campionato galego que se realizará na Pobra do Caramiñal no mes de marzo.

As probas darán comezo ás 10:30 horas coa categoría benxamín. A continuación iranse sucedendo as carreiras das categorías alevín, infantil e cadete para, finalmente e ás 13:00 horas, disputarse o cross popular, no que poderán participar atletas nados en 1998 e anos anteriores. As carreiras estarán baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo e contarán co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago e da Secretaria Xeral para o Deporte a través do programa XOGADE.

Direccións relacionadas



Compartir: