CULTURA

A diva alemá Ute Lemper canta a Pablo Neruda dentro do ciclo Sons’14

13/02/2014 Ute Lemper, unha das artistas internacionais de maior relevancia na actualidade, vista Santiago para presentar o seu novo disco, Forever: the love poems of Pablo Neruda. Será este venres, 14 de febreiro, ás 21:00 horas, no Auditorio Novagalicia Banco, dentro do ciclo Sons’14. As entradas para o concerto teñen un prezo de 25 euros no patio de butacas e 1º anfiteatro e 20 euros no 2º anfiteatro. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443. Ademais, poderán adquirirse tamén no propio Auditorio Novagalicia Banco dende dúas horas antes do comezo do concerto.

Con este novo disco, Ute Lemper rende homenaxe á obra que o poeta chileno Pablo Neruda escribiu durante o seu exilio, sempre dende a visión que esta carismática artista imprime a todas as súas composicións.

A extensa e variada carreira de Ute Lemper deixou a súa pegada no escenario, no cine, en concertos e en gravacións discográficas. Foi eloxiada internacionalmente polas súas interpretacións das Berlín Cabaret Songs, da obra de Kurt Weill e da chanson francesa, así como polas súas actuacións en Broadway, París e Londres. O seu álbum Ute Lemper: between yesterday and tomorrow (2008) é unha peza única, xa que todas as cancións son composicións propias.

Ute Lemper naceu en Münster (Alemaña) e cursou os seus estudos na Escola Superior de Música e Danza de Colonia e no Instituto do Teatro Max-Reinhardt-Seminar de Viena. Debutou profesionalmente nos papeis de Grizabella e Bombalurina na produción vienesa do musical Cats. Continuou coa parte protagonista en Peter Pan (Berlín) e coa de Sally Bowles en Cabaret, na versión escénica de Jerome Savary (París), actuación galardoada co Premio Molière á mellor actriz de musical. Actuou tamén en Der blaue Engel, como Lola, e o coreógrafo Maurice Béjart creou para ela o ballet A Mort Subite. Ademais, actuou en moitas das Weill Revues coa compañía de danza de Pina Bausch, e interpretou a parte de Velma Nelly, pola que foi galardoada co Laurence Olivier Award, na produción londiniense do musical Chicago.

Como solista en concerto percorreu todo o mundo xunto as orquestras de maior renome. As súas gravacións para Decca inclúen Ute Lemper Sings Kurt Weill, Die Dreigroschenoper, Die sieben Todsünden, Mahogonny Songspiel, Prospero's Books (Nyman), Songbook (Nyman/Celan), Illusions (Piaf/Dietrich), City of Strangers (Prever/Sondheim) e Berlin Cabaret Songs. En 2003 saíu But One Day e recentemente un álbum e un DVD en directo en Carlyle, un dos cabarés máis actuais de Nova York. Tamén gravou para CBS e Polydor. No cine traballou con Pierre Granier-Deferre, Peter Greenaway, Ivan Dikhovichni e Robert Altman, entre outros directores.

Compartir: