XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba as bases da sétima edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

13/02/2014 A Xunta de Goberno, en sesión ordinaria, aprobou as bases do VII Premio Internacional Compostela para Albumes Ilustrados. Tamén se concretou a formalización da cesión da parcela para a nova Escola Oficial de Idiomas.

O VII Premio Internacional Compostela para Albumes Ilustrados, convocado pola Concellería de Educación e a editorial Kalandraka no marco da Campaña de Animación á Lectura, ten un premio de 9.000 euros para o gañador, en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de participación estará aberto ata o 7 de marzo.

Outro dos acordos do Goberno local foi a concreción dos trámites para a formalización da transmisión gratuíta á Xunta de Galicia dunha parcela en Santa Marta para a nova Escola Oficial de Idiomas. Estableceuse un prazo de 18 meses dende a formalización da cesión da parcela para que se inicien as obras para a nova EOI, previa autorización e obtención das licenzas necesarias. Emprázase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio a que se persoe no Concello antes do 4 de abril para formalizar a devandita cesión.

Finalmente, aprobouse solicitar á Xunta de Galicia unhas subvencións para mellora dos sistemas de seguridade e videovixilancia dos polígonos empresariais do Tambre (133.000 euros), Boisaca (103.000 euros) e Costa Vella (154.000 euros). De concederse estas subvencións, a Xunta achegaría ata un máximo do 80% do custo da actuación, asumindo o Concello o restante 20%.

Documentos relacionados



Compartir: