XUVENTUDE

Primeira final do Certame SantiAutor

14/02/2014 Celebrouse na Sala Sonar a primeira das tres finais do I Certame de Música SantiAutor para artistas noveis, organizado pola Concellería de Xuventude e a devandita sala. Nesta primeira xornada actuaron Fátima Baña, Yeyo, Adán Jorge e Rubén Artabe. A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, achegouse ata o concerto.

O concerto era de entrada libre ata completar o aforo. Cada un dos finalistas dispuxo de 20 minutos de actuación. As seguintes finais serán os días 21 e 27 de febreiro e o día 28 farase público o nome dos tres gañadores, no transcurso do primeiro concerto da 5ª edición do Festival SantiAutor.

Os outros oito finalistas son Carlos Valiño, The L Adelines Garden, Rubén Artabe, Daniel Royo, David Prado, Su Garrido, Sheila Patricia, Miguel Alonso e Plan Siberia. En cada un destes tres concertos actuarán catro dos finalistas, que deberán interpretar, cando menos, os dous temas presentados na maqueta, podendo completar o concerto con outras cancións do seu repertorio ata esgotar o tempo máximo de 20 minutos.

Participan neste certame cantautores cunha idade non superior aos 35 anos e que non teñan ningún disco editado. Os interesados debían presentar unha maqueta con dous temas orixinais e as letras das dúas cancións a concurso.

O premio para os gañadores será ser teloneiros dos participantes no V Festival SantiAutor. Ademais, o primeiro clasificado actuará en dous concertos e, o segundo, nun concerto, como artistas principais, na Sala Sónar.

Festival SantiAutor
O Festival SantiAutor chega xa á súa quinta edición. Para celebrar estes cinco anos dun certame xa consolidado, programáronse oito concertos na Sala Sónar. O primeiro celebrarase o 28 de febreiro e terá como protagonista un artista novo compostelán, Fredi Leis.

O 8 de marzo será a vez do violinista madrileño Marino Sáiz, mentres que o 15 dese mesmo mes actuará Xabier Díaz, unha das voces máis autorizadas do panorama musical galego. O seguinte concerto será o de Luis Ramiro, un dos referentes da nova música de autor española, o 22 de marzo. Pechará o programa do mes, o día 22, a cantante cántabra Gastelo.

O certame completarase en abril con outros tres concertos, o primeiro dos cales será o do cantautor catalán Rafa Pons (5 de abril). Para o 12 de abril preparouse un concerto dobre a cargo de Rozalén e Paco Cifuentes. Esta edición 2014 do SantiAutor concluirá co agardado concerto de Marwan.

Compartir: