CENTROS SOCIOCULTURAIS

O programa "Imos de excursión" ofrece 17 viaxes e máis de 1.200 prazas

13/02/2014 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e o animador sociocultural Modesto López presentaron a novena edición do programa Imos de excursión. Ofértanse nove viaxes dun día e outras oito de varios días, cun total de 1.285 prazas.

Imos de excursión promove o encontro e o intercambio de experiencias e quere tamén amosar o patrimonio histórico, natural e cultural de Galicia, parte de España (Santander, Asturias, Castela, País Vasco) e norte-centro de Portugal. O programa desenvólvese en sábados, domingos e pontes festivas. O grupo mínimo para que se realicen as excursións é de 35 inscritos.

Estas viaxes están destinadas ao público en xeral, agás a viaxe termal ao Balneario de Laias e a dos viñedos do Ribeiro que require participantes maiores de 18 anos. O prezo que paga o inscrito inclúe, no caso das viaxes de varios días, os gastos derivados de seguro, transporte, pensión completa e servizo de guía e, no caso das excursións dunha xornada, transporte, seguro, servizo de guía e xantar.

O prezo das excursións dun día, segundo as datas das mesmas, non superará os 22 €. Estas viaxes contan co apoio económico municipal, de xeito que o prezo se reduce en torno a un 35%, facéndose cargo o Concello do prezo dos autobuses. O gasto da Concellería neste programa é duns 4.000 euros, correspondente ao devandito custo dos autobuses e á publicidade do programa.

As inscricións nas diferentes excursións realizarase a través dos centros socioculturais, no prazo marcado para cada unha das expedicións. No caso da primeira, que terá como destino Ourense e Allariz o domingo 9 de marzo, o prazo de inscrición ábrese o 18 de febreiro ás 17:00 horas.

As excursións dun día teñen como máximo 45 prazas (as dun autocar), mentres que nas viaxes de varios días poderán participar ata 110 persoas (dous autobuses). A oferta global en prazas é 1.285: 405 prazas para as excursións diarias e 880 para as viaxes de varias xornadas.

Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dun destino de neve en familia, dunha viaxe de enoturismo por Ribadavia, dun magosto na zona de Ourense, dunha estancia termal no Balneario de Laias e, no Nadal, dunha excursión de rutas de Beléns.

Máis información, folletos e inscricións nos propios centros socioculturais.

Documentos relacionados



Compartir: