FESTAS

Sincronización de fogos, imaxes e música conforman o gran espectáculo dos Fogos do Apóstolo

22/07/2006 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, e a responsable da empresa Pirotecnia Caballer, Verónica Caballer, presentaron en rolda de prensa o grandioso espectáculo organizado para os tradicionais Fogos do Apóstolo, que terán lugar o vindeiro luns 24 de xullo. Baqueiro destacou a importancia do espectáculo deste ano posto que "será o mellor espectáculo de fogos artificiais nun casco histórico de España e, quizais, de Europa". Tamén quixo convidar a todos os santiagueses e aos turistas a participar desta festa que co paso dos anos "converteuse nunha celebración de proxección internacional".

A empresa Pirotecnia Caballer de Valencia é a encargada de dar vida a este espectáculo. O Consorcio de Santiago financia os Fogos, que contan cun orzamento de 229.000 euros e que se celebran dende o ano 1852. A empresa valenciana ten unha traxectoria de 126 anos ligada ao mundo da pirotecnia e destaca por crear espectáculos tan importantes como os da Copa América, a inauguración do Palau das Arts de Valencia ou a recente visita do Papa a esta cidade.

O espectáculo organizado leva o nome de "Arte2". Segundo explica Verónica Caballer "o espectáculo multimedia trasládanos a un espacio cultural pictórico que percorrerá diferentes estilos e que terá como tapiz a fachada da catedral de Santiago". Para facer esta posta en escea, Caballer fixo un exhaustivo estudo de todas as obras de arte que aparecerán, españolas e galegas.

O director técnico da empresa valenciana, José Bravo, sinala que o espectáculo "rozará a perfección en canto á sincronización da banda sonora e as imaxes". Trátase da primeira vez que se sincronizarán os fogos coas imaxes e cunha música sensible e emotiva.

Para conseguir esta espectacularidade, existe un traballo moi pensado e coidado. 900 quilos de pólvora e 4.500 ordes de disparos pirotécnicos utilizaranse no espectáculo aínda que, segundo sinala Bravo, "o máis importante é a calidade do traballo final, á marxe de que vai ser un dos maiores espectáculos en canto á súa potencia explosiva".

Marcelo D2 na Quintana

As Festas do Apóstolo continúan co seu programa de actividades e tras a actuación este sábado 22 do cordobés Joaquín Cortés e do grupo Soweto Gospel Choir, dentro do "Compostela Festival", será o turno, o domingo 23, de vibrar cos sons do brasileiro Marcelo D2. Antes, haberá o concurso de pesca de ciprínidos e a un concerto, ás 12:00 horas, da Banda Municipal de Música.

Marcelo D2 presenta o seu segundo traballo, "Looking for the Perfect Beat". O obxectivo deste disco, tal e como sinala o inventor da samba hip hop, foi "facer un disco para a posteridade". O artista considérase o mestre do hip hop brasileiro e ten a crenza de que este estilo musical pode vir da samba e non dos Djs. A entrada ao concerto será libre.

Compartir: