MEDIO AMBIENTE

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela organiza en febreiro o videoforum: "STOP! Rodando o cambio"

12/02/2014 Dentro do marco de actividades organizadas polo Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) para este trimestre, e coa temática do decrecemento e as iniciativas individuais e colectivas que están a xurdir nesta corrente, realizarase o videoforum: STOP! Rodando o cambio, que tenta amosarnos distintas iniciativas e modos de vida, máis responsables e respectuosos co medio ambiente. Esta actividade terá lugar o día 15 de febreiro nas instalacións do CIAC.

O Centro continúa tamén co programa de roteiros pola cidade. O último sábado de mes, o 22, realizarase un percorrido por Santiago que permitirá aos participantes descubrir aspectos ambientais e sociais vinculados ao parque de Belvís. A actividade é de balde, pero é necesario inscribirse na páxina web do CIAC (www.ciac-compostela.org) ou no teléfono do CIAC: 981 543 145.

O CIAC ten como obxectivo fomentar a participación ambiental, e por iso cede as súas instalacións para que outras entidades poidan organizar actividades ligadas ao medio ambiente. Neste mes celebraranse dúas: na fin de semana do 8 e 9 un curso de poda organizado pola asociación Andaime e, o mércores 12 ás 20:00 horas, un obradoiro de bici urbana, organizado por Enxeñería sen Fronteiras (ESF).

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvís, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente.

Direccións relacionadas



Compartir: