CULTURA

Presentación do proxecto audiovisual e literario CoraSons dentro do ciclo Sons’14

11/02/2014 O ciclo Sons'14 acolle o concerto de presentación de CoraSons, un proxecto audiovisual e literario da editorial Kalandraka. Unha numerosa selección dos artistas involucrados en CoraSons participará neste especial concerto que se celebrará este mércores, 12 de febreiro, no Teatro Principal. En concreto, confirmaron a súa presenza neste primeiro concerto: Xoán Curiel, Najla Shami, Uxía, Aline Frazäo, Sergio Tannus, Carlos Blanco, Isabel Leal, Rui David, Budiño, Luanda Cozetti, João Afonso, Norton Daniello e Magín Blanco.

Con textos do colectivo CoraSons e fotografías de Isabel Leal, este proxecto artístico reúne fotografía, música e documental, con intérpretes galego-lusófonos latexando unidos nunha lingua común. Sentimento, ledicia e liberdade nun libro-cd-dvd que agroma do amor.

CoraSons é unha experiencia artística que xurdiu nas redes sociais e inicialmente materializouse nunha exposición de fotografías de Isabel Leal e nun recital coa participación de varios músicos na Casa das Crechas de Santiago de Compostela. A ese encontro seguiulle un concerto celebrado na Illa de Arousa ao que se sumaron máis de 40 intérpretes e que se plasmou nun documental gravado por Paco Abelleira. Agora, da man de Kalandraka, o proxecto que dirixe Uxía convértese nun libro-cd-dvd con 19 temas e unha película de hora e media.

Cada imaxe conta unha historia feita canción. A natureza, a vida cotiá, a arquitectura, as sombras, a xeometría ou a imaxinación son os escenarios que se recrean partindo da forma e da simboloxía do corazón. Mais, lonxe do enfoque romántico, CoraSons trata sobre a afectividade, os sentimentos, as emocións, a amizade, e reivindica latexarmos unidos. Músicas quentes para tempos xélidos, corazón-coraza para tempos incertos.

Compartir: