TURISMO

O Plan Integral de Turismo de Galicia aposta pola consolidación do Camiño como eixe vertebrador das novas alternativas turísticas

10/02/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu na Cidade da Cultura á presentación do Plan Integral de Turismo de Galicia xunto coa concelleira de Turismo, Reyes Leis. Este programa aposta pola consolidación do Camiño de Santiago como eixe vertebrador das novas alternativas de turismo e reclamo de Galicia nos mercados internacionais a través dun Plan Director, da diversificación da oferta e da introdución das novas tecnoloxías.

O Plan Integral de Turismo de Galicia concreta como obxectivo, respecto a 2013, pasar dos 3,7 millóns de turistas a 4 millóns; de 900.000 turistas internacionais a 1 millón; dunha ocupación media hoteleira do 29,65% ao 33,54%; dunha estadía media de 2,13 noites a 2,5 noites; e dun gasto total dos turistas internacionais de 733 millóns de euros a 836 millóns

Para lograr estes obxectivos búscase a consolidación dunha oferta baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos buscando a desestacionalización da demanda, a promoción de Galicia como destino sustentable, o fomento das novas tecnoloxías e da innovación e a presentación como destino único a partir dun modelo á demanda.

Compartir: