CULTURA

David Kadouch, Andrea Baccheti e Cédric Tiberghien no VI Ciclo de Piano Ángel Brage

10/02/2014 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou o VI Ciclo de Piano Ángel Brage acompañado de Maximino Zumalave, un dos maiores impulsores do ciclo. Na programación desta sexta edición poderemos escoitar aos pianistas David Kadouch, o 20 de febreiro; Andrea Baccheti, o 13 de marzo; e Cédric Tiberghien o 30 de abril. Todos os concertos serán ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia.

O Ciclo de Piano Ángel Brage nace no ano 2008, dentro da programación de abono do Auditorio de Galicia, para homenaxear no 25º aniversario do seu falecemento a este pianista e mestre de varias xeracións de músicos composteláns. Polo escenario do Auditorio de Galicia xa teñen pasado algúns dos máis grandes pianistas da actualidade: Olli Mustonen, Arcadi Volodos, Christian Zacharias, Krystian Zimmerman, Aldo Ciccolini, Paul Lewis, Leif Ove Andsnes, Emanuel Ax…

A programación desta sexta edición comeza o 20 de febreiro con David Kadouch. Nacido en Niza en 1985, estase convertendo nun dos pianistas máis aclamados da súa xeración. Kadouch gañou o concurso Beethoven de Bonn 2005 e o concurso internacional de piano de Leeds en 2009. En 2010 recibiu o premio Victoires da Musique ao Artista Revelación e en 2011 foi o triunfador nos International Classical Music Awards na categoría de Novo Artista do Ano. Kadouch interpretará en Compostela obras de Fréderic Chopin, Leos Janácek e Béla Bartók.

O 13 de marzo chega ao Auditorio Andrea Baccheti. Nacido en 1977, o mozo Andrea Bacchetti conseguiu o recoñecemento de músicos como Karajan, Magalof, Berio, Horszowski. Debuta aos 11 anos con I Solisti Veneti dirixido por Claudio Scimone. En Italia, é invitado regularmente polas grandes orquestras e os máis importantes centros e teatros musicais e ten tocado con máis de cincuenta directores e numerosas orquestras de prestixio internacional. Recentemente, vén de gañar un importante premio: o International Classical Music Awards 2014 en Barroco Instrumental. O programa que interpretará Baccheti é moi variado, con obras de Bach, Mozart, Liszt, Louis Diemer, Claude Debussy, Chopin e Gioacchino Rossini.

Pecha o ciclo Cédric Tiberghien o 30 de abril. A carreira internacional de Tiberghien levouno a actuar nos cinco continentes e nas máis prestixiosas salas de mundo. Tiberghien estudou no Conservatorio de París con Frédéric Aguessy e Gérard Frémy. Posteriormente recibiu varios premios nos Concursos Internacionais de Bremen, Dublín, Tel Aviv, Xenebra e Milán, culminando co Primeiro Premio no prestixioso Long-Thibaud Competition de París en 1998. Neste mesmo concurso recibiu outros 5 premios especiais, e foi o inicio da súa carreira internacional con 150 compromisos mundiais, entre as que figuraban 7 xiras por Xapón. Tiberghien interpretará obras de Franz Schubert e Franz Liszt.

As entradas para os concertos están á venda en Novagaliciabanco (web e teléfono), na billeteira do Teatro Principal e na do Auditorio o día do evento. Os abonados do Auditorio de Galicia non terán que mercar as entradas, xa que o ciclo se enmarca dentro do Programa de Abono.

Compartir: