TURISMO

Os Xenerais da Ulla promocionaron o seu Entroido na praza do Obradoiro

09/02/2014 Os Xenerais da Ulla, que cada Entroido saen en Santiago, A Estrada, Boqueixón, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces, uníronse a grupos doutras zonas da Comunidade Autónoma nun acto de exaltación dos diferentes carnavais tradicionais de Galicia celebrado na praza do Obradoiro.

Nunha xornada chuviosa, o alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou os stands promocionais dos entroidos e asistiu ás representacións das diferentes celebracións acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Os Entroidos dos Xenerais da Ulla e mais os de Cobres, en Vilaboa; de Lourenzá e a Pobra de Brollón, en Lugo; de Xinzo, Manzaneda e Maceda, en Ourense; e mais os encadrados en Portas de Galicia, Verín, Laza, Viana do Bolo, Cualedro, Riós e Vilariño de Conso actuaron na capital galega amosando a singularidade das súas vestimentas e das súas actuacións.

Ademais da acción a público final, o acto contou coa presenza de xornalistas de medios especializados e mais de bloggers que publicarán reportaxes, posts e traballos sobre as diferentes manifestacións do Entroido nas que estarán presentes, co obxecto de converter esta manifestación cultural nun gran atractivo para os viaxeiros que se acheguen a coñecer Galicia.

Os entroidos constitúen unha das manifestacións populares máis importantes do inverno en Galicia. Forman parte dunha festa que é case universal pero que ten elementos únicos que a dotan de gran valor etnográfico.

Sete entroidos galegos exhiben a calificación oficial de Festa de Interese Turístico e máis de 175 municipios de Galicia declararon festivo o luns ou o martes de Entroido ou o mércores de cinza. Os entroidos galegos con declaración de Festa de Interese Turístico Nacional son o de Xinzo de Limia, que conta coa distinción dende 1997 e o de Verín, recoñecido no 2000. Os entroidos con declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia son o de Viana do Bolo, cuxa Festa da Androlla e do Entroido ten declaración dende o ano 1999, e mais o Entroido de Laza, distinguido no ano 2000. De igual modo, o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda é de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2008. E o Carnaval de Cobres, en Vilaboa ten a distinción dende 1999.

O último dos Entroidos en conseguir a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia foi o Entroido dos Xenerais da Ulla, que se celebra nos concellos de Boqueixón, Teo, Touro, Vedra, Santiago de Compostela, Vila de Cruces, Silleda e A Estrada. Obtivo a declaración en 2013.

Compartir: