TURISMO

Turismo de Santiago, Catedral, Cámara de Comercio e Hostalería Compostela renovan a súa "Homenaxe ao peregrino"

07/02/2014 O Salón Verde do Pazo de Raxoi acolleu o acto de sinatura do acordo de colaboración entre Turismo de Santiago, a Catedral, a Cámara de Comercio e a Asociación Hostalería Compostela para a conservación e posta en valor do patrimonio histórico e artístico da Catedral.

O acordo, que estará vixente ata o 31 de decembro deste ano, foi asinado pola concelleira de Turismo, Reyes Leis; o administrador xeral da Catedral, Francisco Domínguez; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; e o presidente da Asociación Hostalería Compostela, José Manuel Otero. Con esta sinatura renóvase o acordo de colaboración asinado o 20 de xuño de 2013, que fora o primeiro acordo de colaboración entre estas catro entidades co obxecto de poñer en valor o patrimonio da Catedral.

O obxectivo das catro entidades é poñer en marcha iniciativas que contribúan a "recuperar o patrimonio histórico artístico da Catedral" e a "manter vivo o espírito do Camiño de Santiago na meta final das rutas xacobeas", proxectando o carácter universal, aberto e fondamente hospitalario da cidade e da propia Catedral.

Este acordo, entre outras cousas, permitiu que por primeira vez houbera un día fixo á semana no que funcionase o botafumeiro, o venres ás 19:30 horas, nunha cerimonia de "Homenaxe ao peregrino", concibida como un xeito de "agradecemento da cidade ao esforzo dos centos de peregrinos que chegan todas as semanas a través dos Camiños de Santiago".

Grazas á cerimonia de "Homenaxe ao peregrino", que continuará durante todos os venres do ano 2014, os peregrinos e as persoas que veñen a Santiago coa intención de ver o botafumeiro saben que haberá un día no que funcionará seguro, e non como sucedía anteriormente, cando só funcionaba en determinados días de celebración eucarística ou por solicitude previa.

Compartir: