CULTURA

Andrea Motis & Joan Chamorro Group ofrecen un concerto dentro do Sons’14 Jazz

06/02/2014 Dentro do ciclo Sons’14 hai este ano un apartado especial dedicado ao jazz que leva o nome de Sons’14 Jazz e que xa nos ofreceu un concerto dos composteláns Sumrrá o 25 de xaneiro. Agora, chegan Andrea Motis &Joan Chamorro Group, aos que poderemos escoitar este venres 8, desde as 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas para este concerto, a 15 euros (12 no anfiteatro) poden mercarse no despacho de billetes do propio Principal de 18:00 a 21:00 horas e en Novagalicia Banco (na web entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443).

Esta nova artista, Andrea Motis, canta cunha personalidade moi especial e. ademais, toca o saxo e a trompeta. Diso ten gran parte de responsabilidade o seu mentor Joan Chamorro. O traballo que está facendo este saxofonista (entre outros instrumentos) veterano do jazz catalán desde a Sant Andreu Jazz Band, a big band máis nova de Europa, é sensacional.

Andrea Motis. Nada en Barcelona fai 18 anos, voz, saxos soprano, alto e trompeta.

Trompetista como primeiro instrumento, pero moi boa saxofonista, alto e soprano. Comezou a cantar a principios de 2009 e foi nesta época que comezou, con só 13 anos, a colaborar con Joan Chamorro (recoñecido saxofonista e pedagogo). Desde entón realizou máis de 200 concertos, en festivais de jazz tan importantes como os de Barcelona, Peralada, Girona, etc. Este verán estivo de xira por diversos países como Suíza, Francia ou Brasil, e no principio do ano fará unha xira por Turquía.

No ano 2010, con só 14 anos, grava o disco Joan Chamorro presenta Andrea Motis, un traballo onde Andrea toca todos os seus instrumentos, pero co que máis podemos sentir é coa súa voz...

O pasado ano publicou o seu ata agora último disco, Feeling good, con moi boa acollida.

Andrea achega un novo xeito de cantar, sensible, cun timbre de voz moi característico e maduro para a súa idade, e no que non podemos deixar de sentir a súa propia condición de instrumentista.

Joan Chamorro (saxos baixo, barítono, tenor, alto e soprano, clarinete, clarinete baixo, frauta, corneta, contrabaixo). Estuda a carreira clásica de saxofón no Conservatorio de Barcelona co profesor Adolfo Vendas e paralelamente obtén o título de Grado Superior o Taller de Musics de Barcelona.

Traballou con músicos de gran renome como Slide Hampton, Tete Montoliu, Frank Foster, Gary Smulyan, Dick Oatts, Bebo Valdes, Ralf Lalama, Nicholas Payton , Teddy Edwars, Frank Wess, Jessy Davis, Dennis Rowland, etc.

Nesta ocasión fanse acompañar doutros tres excelentes músicos: o pianista Ignasi Terraza, o batería Esteve Pi e o guitarrista Josep Traver.

Compartir: