MOBILIDADE

A explotación da cafetería da estación de autobuses sairá de novo a concurso

06/02/2014 A empresa municipal TUSSA convocará novamente un concurso para adxudicar a explotación da cafetería da estación de autobuses. Esta decisión adóptase ao quedar deserto o anterior concurso, como consecuencia da renuncia da única empresa presentada.

TUSSA considera que a apertura do concurso e o peche inmediato das instalacións é a decisión máis axeitada a fin de asegurar a máis pronta resolución do procedemento e a prestación futura do servizo. En calquera caso, e malia que o servizo de cafetería non é considerado como un servizo esencial da estación de autobuses, habilitarase un espazo visible e suficientemente anunciado, onde se instalarán máquinas de vending con distintos produtos e mesas para os usuarios da estación de autobuses.

Cómpre lembrar que TUSSA xestiona a estación de autobuses dende o 1 de abril de 2005, subrogándose a partir desa data en todos os contratos, concertos, obrigas e dereitos que correspondían ao Concello de Santiago. O contrato para a explotación da cafetería e restaurante da estación de autobuses asinárase o 2 de agosto de 1993 entre o Concello de Santiago e a empresa Santiago Dos, SL, por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de prórroga ata un máximo de 5 anos máis. As devanditas prórrogas fixéronse efectivas, polo que o contrato rematou en agosto de 2013.

Para non deixar a estación sen o servizo de cafetería nunha época de grande afluencia de visitantes, TUSSA negociara co adxudicatario unha prórroga do contrato ata a entrada do novo adxudicatario, cun prazo máximo de tres meses.

O 18 de setembro de 2013 aprobárase o prego para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de cafetería e restaurante na estación de autobuses. O 19 de novembro, a mesa de contratación acordou propoñer como adxudicataria do servizo á única empresa que se presentou ao procedemento, Pontevedra Dos, SL. Pero o 13 de decembro, a empresa proposta para adxudicación presentou escrito de renuncia, provocando que o concurso quedara deserto.

Tendo en conta que o contrato con Santiago Dos está vencido (tanto o principal como as prórrogas) e logo de que o concurso convocado quedara deserto, procedeuse a resolver o contrato, máxime cando o adxudicatario está en situación de concurso de acredores e ten incumprido as súas obrigas de canon. O adxudicatario deberá deixar libre as instalacións no prazo de 20 días.

Compartir: