COMERCIO

Reunións informativas sobre as axudas para reforma de locais e implantación das TICs no ámbito do Urbana Santiago Norte

06/02/2014 O 28 de febreiro rematará o prazo de solicitude de axudas para a reforma de locais de negocio e implantación de tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) no ámbito do programa Urbana Santiago Norte. Con tal fin, realizaranse dúas reunións informativas: a primeira, este xoves 6 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural de Vite e, a segunda, o martes 11 de febreiro, á mesma hora, no Centro Sociocultural da Trisca.

Estas liñas de axudas está dirixida aos comercios de proximidade e destinada á reforma de locais e á implantación de TICs, co obxectivo global de mellorar a imaxe e a competitividade dos beneficiarios. Destínanse 40.000 euros ao programa e cada beneficiario poderá percibir ata 4.000 euros e alcanzar o 100% dos gastos realizados.

Na liña de incorporación das tecnoloxías da información consideraranse actuacións subvencionables a adquisición de ordenadores de sobremesa para uso comercial, de paquetes de software de xestión empresarial, de periféricos e outros compoñentes (lectores de códigos de barras, caixóns portamoedas, impresoras de tíckets...) ou de TPV integrados.

Na liña reforma de locais de negocio serán actuacións subvencionables: obras de reforma e/ou ampliación do local comercial; mellora de illamentos, equipamentos e instalacións; e intervencións tales como substitución de vendas, adquisición/substitución de mobiliario e elementos de decoración, luminarias, intervencións en fachadas e instalación/substitución de letreiros e rótulos comerciais.

Unicamente se terán en conta os gastos efectivamente realizados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2014. Esta última é a data límite de xustificación da subvención.

Os solicitantes deben ter os seus establecementos na zona de actuación do Urbana Santiago Norte e deben ter como actividade o comercio ao por menor. Valoraranse cuestións como que sexa muller a titular da actividade, a pertenza a unha asociación de comerciantes ou empresarios, ser empresa de recente creación ou pequena empresa, que o local comercial non supere os 150 metros cadrados de superficie comercial destinada á exposición e venda ou o emprego da lingua galega.

Solicitudes e prazo de presentación
As solicitudes presentaranse conforme ao modelo normalizado "Instancia xeral", dispoñible nesta web e en www.urbanasantiagonorte.org no rexistro xeral ou auxiliares do Concello. A data límite de presentación é o 28 de febreiro de 2014.

Para a consulta das bases completas e aclaración de dúbidas, os interesados poden contactar coa Concellería de Comercio (981 542 493 ou comercio@santiagodecompostela.gal) e coa Oficina Urbana Santiago Norte (981 543 196 ou urbanasantiagonorte@santiagodecompostela.gal).

O programa está cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do eixo número 5 (desenvolvemento sustentable local e urbano).

Compartir: