FACENDA

O prazo para solicitar o pagamento fraccionado do IBI remata o 28 de febreiro

07/02/2014 O Concello de Santiago lembra que o 28 de febreiro remata o prazo para solicitar o pagamento fraccionado do Imposto de Bens e Inmobles (IBI). Para que este pagamento en tres prazos sexa efectivo no recibo de 2014, os contribuíntes deben pedilo antes da referida data na Oficina de Atención ao Contribuínte.

Cómpre recordar que, se ben a solicitude de fraccionamento do pagamento do IBI se pode solicitar presencialmente en calquera momento na Oficina de Atención ao Contribuínte (rúa Presidente Salvador Allende - Galeras), é necesario facelo antes do 28 de febreiro para que poida ser efectiva no recibo de 2014. Os que xa solicitaran o pagamento en tres prazos no exercicio 2013 non terán que facer ningún trámite, xa que se lle aplicará o fraccionamento xa de forma sucesiva en cada exercicio.

Os que opten polo pagamento fraccionado terán que facer fronte aos tres prazos do recibo os días 5 de maio, 5 de agosto e 5 de novembro. De non escoller esta alternativa, os contribuíntes deberán pagar o IBI entre o 5 de abril e o 5 de xuño.

Procedemento
Calquera titular dun recibo do IBI pode facer uso desta posibilidade, pero ten que solicitalo para todos os seus recibos deste imposto. A solicitude non ten ningunha particularidade e pode presentarse como calquera outra solicitude ao Concello. Non obstante, o Concello pon a disposición dos interesados o impreso "Adhesión ao sistema especial de pago T09". O teléfono da Oficina de Atención ao Contribuínte é o 981 542 384.

Os requisitos ou condicións para acollerse a este sistema de pago fraccionado son os seguintes:

1.- Solicitalo formalmente ao Concello.
2.- Sinalar na solicitude o código da conta bancaria do cliente no que se domicilia o pago.
3.- Solicitalo para todos os recibos do Imposto sobre Bens Inmobles (Non se permite acollerse a este sistema especial de pago para un ou varios recibos e deixar outro ou outros recibos para o sistema normal de pago).
4.- Non ter ningunha débeda pendente de pago en vía executiva no momento no que se aproba o padrón do IBI.

Compartir: