URBANISMO

O Concello substitúe os chanzos de madeira do parque das Cancelas por outros de granito

04/02/2014 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta da marcha das obras de substitución dos chanzos de madeira das escaleiras do parque das Cancelas por outros de granito. A actuación, executada no marco do Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa II, inclúe tamén o acondicionamento de camiños. As obras estarán rematadas o 30 de abril.

Substituiranse os chanzos de 40 tramos, de seis chanzos cada un. Neste intre xa están rematados 14 destes tramos. En canto ao acondicionamento dos camiños, realizarase con zahorra, grava e area. Tamén se colocará planta natural e céspede nas marxes de escaleiras e camiños. Para unha intervención posterior á marxe desta, anunciou o cambio dalgunha zona de céspede do parque por xardín.

A obra está sendo realizada polos oito participantes no Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa II na especialidade de auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, subvencionado nun 88% pola Consellería de Traballo e Benestar. Os chanzos de granito que se están a colocar son reciclados, xa que proceden da obra de retirada de alcorques arredor dos plataneiros en Fontiñas.

María Pardo referiuse á necesidade de substituír chanzos de madeira como os das Cancelas (parque inaugurado en abril de 2009), "que se deterioran con máis facilidade e supoñen incluso un problema de seguridade". Nunha situación similar se atopa o parque de Vite, polo que neste exercicio 2014 tamén se substituirán os chanzos de madeira. Anunciou igualmente que o tramo de madeira no parque de Ponte Pereda, que tamén provoca esvaróns, será cuberto de terra e plantado con céspede.

Compartir: