CONSORCIO

A prestixiosa violinista Carolin Widmann dará clases a novos músicos galegos

03/02/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) conta cun programa de formación permanente dirixido a novos intérpretes. No marco deste programa, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana, a recoñecida violinista alemá Carolin Widmann transmitirá os seus coñecementos sobre este instrumento de corda a todos os músicos galegos interesados, que poderán participar nas súas clases en calidade de oíntes.

As clases celebraranse o martes 11 de febreiro, de 18:00 a 20:00 horas, e o xoves 13, de 11:00 a 14:00 horas. Os músicos que desexen participar nesta experiencia como oíntes poderán matricularse ata o mesmo día de inicio das sesións, para as que non hai límite de prazas, a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. O mesmo xoves, a violinista actuará como solista coa Real Filharmonía de Galicia.

Carolin Widmann naceu na cidade alemá de Munich. Ten actuado como solista coas orquestras máis prestixiosas de Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia, Suíza, Dinamarca, República Checa ou Austria, entre outras moitas. Ten colaborado con agrupacións musicais de todo o mundo, mesmo en China, baixo a batuta dos mellores directores. En 2013 foi elixida "Artista do Ano" nos Premios Internacionais de Música Clásica.

En 2006 o seu CD Reflexións I foi nomeado aos "Critics Choice" pola Asociación de Críticos Musicais de Alemaña. É unha entusiasta da música de cámara e é a directora artística do festival de música de cámara máis antigo de Alemaña. Aparece con regularidade como artista convidada en festivais moi coñecidos en toda Europa.

A violinista compaxina o seu traballo como solista coa súa paixón pola docencia. É profesora de violín na Facultade Felix Mendelssohn-Bartholdy Musikhochschule de Leipzig e imparte clases por todo o mundo. Toca un violín G.B. Guadagnini do ano 1782.

Compartir: