PLENO

Dada conta ao Pleno da aprobación definitiva das ordenanzas fiscais para 2014

30/01/2014 Na sesión ordinaria de xaneiro do Pleno da Corporación deuse conta da aprobación definitiva das ordenanzas fiscais para o ano 2014, unha vez estudadas as alegacións presentadas. Tamén se deu conta do nomeamento de representantes veciñais no Consello de Relacións Veciñais

As ordenanzas fiscais 2014 teñen como principal novidade a baixada do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que permitirá o aforro dunha media de 19 euros en todos os recibos. Ademais, mantéñense conxeladas o resto de taxas e prezos públicos.

O tipo municipal aplicado a todos os recibos do IBI urbano e rústico baixará do 0,60 ao 0,57%. A medida afectará a todos os recibos xa que, incluso os que rexistren unha suba respecto a 2013, non alcanzarán os valores previstos inicialmente de manterse o tipo do 0,60%. Deste xeito, case 9 de cada 10 recibos (un 86,92%) experimentarán unha baixada media de case 19 euros, mentres o 1,12% manterán os valores de 2013 e só un 11,98%.

Neste exercicio 2014 consolidarase tamén a posibilidade para os contribuíntes de acollerse ao pago fraccionado do IBI, o que lles permitirá aboar este imposto en tres prazos: maio, agosto e novembro. De optar polo pago completo, este seguirase realizando do 5 de abril ao 5 de xuño.

Consello de Relacións Veciñais
Na sesión tamén se deu conta da proposta de nomeamento de representantes veciñais no Consello de Relacións Veciñais, saídos das eleccións celebradas o 10 de decembro. Os representantes veciñais neste órgano durante os vindeiros catro anos serán: polo ámbito urbano, Mª Teresa Barral Ameigeiras (A.VV. Brañas de Andrés), Germán Hermida Noval (A.VV. Monte do Gozo), Alexandre Quiñoá Casteleiro (A.VV. de Pontepedriña) e Juan José Álvarez Carril (A.VV. de Sar); e polo ámbito rural, Mª Jesús Chenel Blanco (A.VV. da Gracia) e José Cebey Aldrey (A.VV. Coto da Nai).

Axuda no fogar
Finalmente, aprobouse de xeito definitivo a modificación da ordenanza de axuda no fogar, coa introdución dos cambios recomendados pola Xunta de Galicia. A norma saíu adiante cos votos favorables do grupo de Goberno e malia o voto negativo do PSdeG-PSOE e a abstención do BNG.

Compartir: