DEPORTES

A cidade convértese na capital da patinaxe artística galega e española

30/01/2014 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o XIII Campionato Galego de Grupos Show 2014, que se celebrará no Pavillón Municipal de Santa Isabel o sábado 1 e o domingo 2 de febreiro. A competición, organizada polo Club Deportivo Fontiñas coa colaboración do Concello de Santiago, reunirá a 323 patinadoras e patinadores de 17 clubs galegos, dos cales dous son composteláns, o propio C.D. Fontiñas e o Club de Patinaxe Campus Stellae.

Adrián Varela animou os composteláns a achegarse ata Santa Isabel para gozar dunha modalidade deportiva da que resaltou a vistosidade e espectacularidade das súas coreografías. Ademais, este campionato será un banco de probas organizativo cara a celebración os días 1 e 2 de marzo, tamén en Santiago, neste caso no Multiúsos Fontes do Sar, do Campionato de España de Grupos Show.

Javier Laíño, presidente do C.D. Fontiñas, e Olaia Vieiro Cancelo, monitora e patinadora show do club foron os encargados de explicar o desenvolvemento deste XIII Campionato Galego de Grupos Show. A competición arrancará o sábado 1, ás 16:30 horas, coas coreografías dos cuartetos e dos grupos pequenos. O domingo 2, dende a mesma hora, vez para os grupos xuvenís e grandes.

A entrada terá un custo de 5 euros para maiores de 12 anos e adultos, e de 3 euros para menores de 4 a 12 anos. Os pequenos de 0 a 3 anos entrarán de balde.

Compartir: