PATRIMONIO

Reunión da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

29/01/2014 A concelleira de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación, Cidade Histórica e Patrimonio, María Pardo, participou na sede da Federación Española de Municipios e Provincias en Madrid na reunión da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A reunión estivo presidida por Miguel Ángel Nieto, alcalde de Ávila e presidente desta Comisión, e contou coa asistencia dos dous coordinadores da Comisión: Carmen Crespo, concelleira de Patrimonio do Concello de Tarragona, e Beatriz Jiménez, concelleira de Patrimonio do Concello de Ávila. Tamén participaron os concelleiros de Patrimonio de Cáceres, Eugenia García; de Córdoba, Rafael Jaén; de Cuenca, Nieves Mohorte; de Eivissa, Catalina Sansano; de Mérida, Ángel Pelayo; de Salamanca, Carlos García; de San Cristóbal de la Laguna, Julia Dorta; de Segovia, Paloma Maroto; e de Toledo, Jesús Nicolás.

Na primeira parte da reunión fíxose un repaso do estado dos proxectos da Comisión nas súas distintas áreas desenvolvidos entre o segundo semestre de 2013 e 2014. Así, en materia de accesibilidade, falouse das Xornadas Formativas sobre "Turismo e accesibilidade e atención a persoas con discapacidade", que terán lugar en marzo de 2014 nas 13 cidades do Grupo e que serán impartidas por especialistas na materia. Estas Xornadas diríxense ao sector do turismo e a inscrición será gratuíta.

Tamén se abordaron os "Plans de mobilidade nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España", sesións de traballo cuxa primeira fase se celebrou en Salamanca o 16 e 17 de decembro de 2013 e nas que participaron técnicos de mobilidade e seguridade das 13 cidades. O seu obxectivo é elaborar un Libro Branco e continuarán no segundo trimestre do ano.

Seguridade e medio ambiente
En materia de seguridade, tratouse a celebración en Ávila do Congreso "Xestión de emerxencias no Patrimonio Histórico", do 5 ao 7 de marzo de 2014, e dun curso especializado en Córdoba sobre Apuntalamento de edificios históricos ante emerxencias.

Outro dos temas da reunión foi a elaboración dun censo de aves nas cidades do Grupo e a celebración dunha "Xornada informativa de lexislación sobre o control de aves" destinada a persoal da área dos distintos concellos do Grupo, co fin de preservar o equilibrio entre a fauna urbana e os habitantes das cidades, evitando problemas de salubridade e o avance das especies invasoras.

Patrimonio e urbanismo
Tamén está prevista a celebración dunhas xornadas en Cuenca sobre "Cidades Históricas e Paisaxe Cultural e Urbana", nas que se contrastarán e debaterán, por parte de cada unha das cidades e especialistas nacionais e internacionais, experiencias e proxectos sobre a conservación e xestión da paisaxe urbana, tan determinante como valor excepcional na declaración dalgunhas das cidades como Patrimonio Mundial por parte da UNESCO.

Outro evento neste ámbito serán as xornadas "A casuística dos Plans de Xestión do Patrimonio Mundial nas cidades do Grupo" en Ávila o 27 e 28 de febreiro de 2014, foro de traballo para os Puntos Focais, responsables e xestores do Patrimonio Mundial de cada cidade.

En marcha está igualmente a redacción do "Libro Branco do Patrimonio Arqueolóxico e Histórico das cidades do Grupo", proxecto que recollerá a casuística de cada unha das cidades, o marco normativo, así como propostas de liñas de traballo para a xestión do patrimonio dun xeito eficaz e sostible que asegure a conservación deste.

Liñas de traballo
Na segunda parte da reunión a Comisión avanzou e debateu cales debían ser as novas liñas de traballo do segundo semestre de 2014-2015, entre os que se apuntaron para o seu posterior desenvolvemento e concreción, entre outros, proxectos en torno á pedagoxía e o patrimonio, a seguridade ante grandes eventos culturais ou o concepto de Smart City-Smart Heritage, no que o Patrimonio Histórico sexa a base para xerar innovación e riqueza co apoio das novas tecnoloxías, dentro do marco global de "cidade intelixente".

Os proxectos desenvolvidos pola Comisión de Patrimonio dol Grupo contan co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Secretaría de Estado de Cultura e a súa Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico.

Compartir: