TURISMO

Santiago supera por segundo ano consecutivo o récord de pernoctacións internacionais na cidade

29/01/2014 As pernoctacións internacionais continuaron crecendo en Santiago durante o ano 2013 ata marcar por segundo ano consecutivo un novo récord do turismo internacional na cidade, segundo apuntou a concelleira de Turismo, Reyes Leis, nunha rolda de prensa de valoración dos datos turísticos do ano 2013. As pernoctacións foráneas en Santiago alcanzaron as 447.188 en 2013, que representan un crecemento do 7,2% respecto a 2012, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Reyes Leis apuntou que o verdadeiramente relevante é que este crecemento se produciu respecto dun ano que xa marcara un récord no turismo internacional. No 2012, a cifra de pernoctacións internacionais situouse en 417.245, a mellor cifra lograda ata ese momento. Deste xeito, o crecemento de 2013 respecto do 2012, cando houbo 376.429, alcanzou o 18,8%.

O crecemento continuado do turismo internacional na cidade no último par de anos está permitindo que Santiago modifique a estrutura da súa demanda turística, un dos lastres que tiña o sector na cidade, xa que dependía en exceso da situación económica do mercado español. No ano 2013, as pernoctacións internacionais representaron por primeira vez máis do 40% das pernoctacións totais na cidade. No ano 2012 esta porcentaxe situouse no 32,9%.

Reyes Leis explicou que o crecemento do turismo internacional na cidade estivo en parte vinculado co crecemento dos pasaxeiros nas rutas internacionais en Lavacolla, que no 2013 alcanzou os seus mellores datos da historia neste capítulo. O aeroporto sumou máis de 350.000 pasaxeiros nas conexións internacionais directas, un crecemento do 60% respecto dos 220.000 que houbo no ano 2011.

A concelleira de Turismo tamén valorou positivamente a evolución das pernoctacións domésticas no 2013. Neste sentido apuntou que o ano pasado supuxo un cambio de tendencia para o turismo español na cidade, xa que despois de anos de baixadas debido á crise económica do país, as pernoctacións creceron un 2,1% ata chegar ás 661.443. Segundo Reyes Leis, trátase dun crecemento pequeno, pero importante xa que marca un punto de inflexión no turismo doméstico na cidade.

Sumando as pernoctacións foráneas e domésticas, Santiago alcanzou no 2013 un total de 1.108.631 pernoctacións, que representan un crecemento do 4,1% respecto do 2013. Reyes Leis valorou positivamente este crecemento, xa que indica que a oferta turística da cidade xa está sendo capaz de crecer nun contexto económico complicado. Neste sentido, quixo agradecer o traballo e o esforzo de todo o sector turístico da cidade, que soubo amoldarse a difícil situación que está a vivir o país dende o 2008, cando comezou a crise económica.

Respecto a 2014, Reyes Leis considerou que será un ano no que continúe crecendo o número de pernoctacións na cidade por dous motivos fundamentais. É previsible que o turismo internacional siga medrando en tanto que Lavacolla contará co maior número de conexións internacionais directas da súa historia coa incorporación das conexións a Bruxelas e Roma. Tamén é previsible que o turismo doméstico continúe coa súa recuperación grazas ao comezo da recuperación económica do país que apuntan múltiples indicadores.

Neste sentido, a concelleira apuntou que dende Turismo de Santiago continuarase afondando nas liñas de promoción seguidas neste último par de anos, que están dando os seus froitos, especialmente no crecemento das pernoctacións internacionais da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: