FESTAS

Luar na Lubre presenta o seu último disco en Santiago como homenaxe á emigración e ao exilio galego en Latinoamérica

20/07/2006 As Festas do Apóstolo acollen o venres 21 o "Compostela Festival", no que participarán Luar na Lubre e Bumba, con compoñentes de Mozambique e Galicia. A cita terá lugar ás dez da noite na Praza da Quintana e a entrada é gratuíta.

A actuación de Luar na Lubre terá unha emoción especial xa que, segundo sinala un dos seus compoñentes, Bieito Romero "sempre é moi importante tocar en Galicia, xa que como músicos é a nosa razón de ser". "Probablemente somos o grupo galego que máis toca en España –continúa– pero facer concertos en Galicia é unha ledicia; gústanos amosar a nosa música".

O repertorio que ofrecerán é un percorrido polos temas máis coñecidos do grupo, ademais da presentación do seu último traballo, "Saudade". Este disco está dedicado á emigración e ao exilio galego en Latinoamérica. Dende que comezaron as súas viaxes por América, no ano 2001, foron recollendo material para este traballo, ao que cualifican coma "un traballo de investigación da música e da literatura dos galegos que marcharon a América e que nos deixaron un legado moi sorprendente e descoñecido en Galicia".

Luar na Lubre define a súa música como "música con sabor galego", e destacan o patrimonio riquísimo de Galicia no exterior. Trala actuación dos coruñeses será o turno do grupo Bumba, no que conflúen as músicas ventureiras e asilvestradas de Narf e Timbila Muzimba. Trátase dun encontro entre a cultura galega e a de Mozambique. É un espectáculo único no que se unen catro integrantes de Timbila Muzimba e a formación Narf Trío, con Fran Pérez, Pepe Sendón e Marcos Teira.

Timbila Muzimba é unha das formacións más frescas e innovadoras da África actual. A súa música é unha mensaxe positiva de loita contra a SIDA no seu continente ou contra as desigualdades sociais. Pola súa parte, Narf é o proxecto dun músico experimentado, Fran Pérez, que inventa cancións que goza poñendo música a letras propias e alleas.

Ademais, na xornada do venres haberá unha nova xornada de Ferradura Aberta (17:00 horas), Campionato de Chave (20:00 horas) e Noites na Alameda (23:00 horas).

Compartir: