CULTURA

A OSGA, a Banda Municipal, Depedro, Víctor Aneiros, Kepa Junquera, Eondry e Vicky Polard, propostas musicais da semana

27/01/2014 Varias propostas musicais de diferentes estilos e enmarcadas en cinco ciclos para esta semana: Depedro no Íntimo & Acústico; a Orquestra Sinfónica de Galicia no Programa de Abono do Auditorio de Galicia; Víctor Aneiros & Julie Guravich no Blues Nite; Eondry e Vicky Polard dentro do Compostela Rock; e Kepa Junquera en Sons’14. Ademais, o habitual concerto da Banda Municipal de Música no Teatro Principal.

A programación musical da semana comeza o xoves 30 con dúas propostas moi diferentes entre si. No Auditorio de Galicia estará a Orquestra Sinfónica de Galicia acompañada do Coro da mesma dirixidos por Dima Slobodemiouk e xunto á soprano Victoria Yastrobova. Interpretarán, a partir das 21:00 horas, obras de Ravel, Falla e Rachmaninov.

Á mesma hora, pero no Teatro Principal, novo concerto do ciclo Íntimo & Acústico. O madrileño Depedro presenta o seu pop-rock alternativo con La increíble historia de un hombre nuevo. Jairo Zavala (Depedro) edita este seu terceiro disco, álbum produto das súas viaxes por todo o planeta, con temáticas centradas en problemáticas locais.

O venres será o día da inauguración do Blues Nite do 2014 con Víctor Aneiros, un dos músicos máis destacados do blues feito en Galicia, con cinco discos editados, tres deles integramente cantados en galego. Aneiros estará na Sala Capitol ás 21:30 horas acompañado da cantante canadense Julie Guravich, que introduciu un toque máis internacional á banda que lidera o guitarrista galego.

Para o sábado están previstas outras dúas propostas musicais tamén diferentes entre si. A partir das 20:30 horas, noite de rock galego na Zona C. Dúas bandas, unha viguesa e unha compostelá, presentan os seus novos discos no ciclo Compostela Rock. Hyperborea é o título do primeiro EP de Eondry, agrupación de rock progresivo de Vigo, e Biolise é o nome que puxeron os composteláns Vicky Polard ao seu terceiro traballo discográfico.

E ás 21:00 horas, o ciclo Sons’14 ofrece o concerto de Kepa Junquera no Teatro Principal. O músico euscaldún máis importante, influínte e internacional do momento, edita co selo galego Fol Música o proxecto máis ambicioso da súa carreira: un traballo discográfico rodeado das mellores formacións e artistas da actual escena tradicional de Galicia ao que chama Galiza.

Pecharase o programa musical da semana co xa tradicional concerto da Banda Municipal de Música, o domingo ás 12:00 horas no Teatro Principal. Baixo o nome Capricho italiano e dirixidos por Juan Miguel Romero Llopis, interpretará obras de P. Sparke, V. Persichetti, P. I. Chaikovski...

Compartir: