PLENO

A Corporación aproba un orzamento marcado polo seu carácter dinamizador, a rebaixa fiscal e a baixada da débeda

27/01/2014 A Corporación municipal, nun pleno extraordinario, aprobou inicialmente o orzamento municipal para 2014, que prevé ingresos e gastos polo mesmo importe: 100.941.779 euros. Trátase pois dunhas contas equilibradas que apostan por seis eixes de actuación: apoio á promoción e á dinamización; políticas de carácter inversor; fomento do emprego; sostibilidade do gasto social, dos servizos públicos e da calidade de vida; mellora da eficiencia da Administración e política fiscal equitativa. As contas foron aprobadas cos votos favorables do grupo de Goberno e malia o voto negativo dos grupos socialista e nacionalista.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, indicou na súa intervención que estes orzamentos "constitúen un eixe imprescindible para a dinamización da cidade" neste 2014. Resaltou o feito de que, tras uns exercicios de "enorme esforzo de axuste das contas públicas locais", se pasou a unha situación de "estabilidade" que permite agora un orzamento dinamizador en torno a tres elementos fundamentais: a rebaixa fiscal e a conxelación de taxas e prezos públicos, o control e a baixada da débeda existente e o carácter expansivo do orzamento.

Polo que se refire ao apoio á promoción e á dinamización, este eixe plásmase en tres eixes de promoción: o turismo, a actividade comercial e a actividade empresarial Destínanse partidas por 4.047.283 euros, o que supón case un 43% máis que no exercicio 2013. Esta aposta estratéxica materializarase en accións de promoción do turismo, con 1.770.000 euros (+109%); da actividade comercial, con 1.351.422 euros (+17%); e da actividade empresarial, con 925.861 euros (+11%).

Outro dos obxectivos do Goberno local para este 2014 será a continuación das políticas de carácter inversor, ás que se destinan 14.083.344 euros, isto é, case un 28% máis que en 2013. Desta cantidade, a maior parte, 11.717.361 euros, destinarase a investimento novo e en reposición, e o resto a programas de mantemento.

O fomento do emprego será outra das prioridades das políticas municipais, segundo apuntou a edil. Así, outórgase unha partida total de 1.625.974 euros para os diversos programas deste ámbito, o que supón un incremento de case o 74% respecto a 2013.

O aumento do gasto social e do destinado ao mantemento dos servizos públicos básicos reflicte outra das apostas do Goberno local, alcanzando os 55.028.621 euros, case un 21% máis que no exercicio precedente. As partidas para emerxencia social soben un 49%, situándose nos 447.000 euros, mentres que o mantemento dos servizos públicos básicos absorberá 47.291.304 euros (+21%). Destinaranse 4.269.086 euros (+3%) para aqueles servizos que garanten a cohesión social para determinados sectores, e outros 3.021.230 euros (+54%) para programas destinados a garantir a calidade de vida e o lecer dos composteláns. Trátase neste último caso de programas de atención a dependentes, accións de acceso á vivenda, promoción da conciliación familiar e laboral, prevención da violencia doméstica, integración da poboación inmigrante...

Dende o Concello continuarase neste 2014 o esforzo por mellorar a eficiencia da Administración cara os cidadáns, poñendo en marcha accións por importe de 1.648.032 euros, un 79% máis que en 2013. Estas actuacións centraranse fundamentalmente na modernización interna (E-Administración), 781.858 euros; e cara o exterior (transparencia, interacción co cidadán), 566.173 euros; incorporando outro eixo de actuación como o Proxecto Smart, ao que se asignan 300.000 euros.

Finalmente, Cecilia Sierra referiuse ao traballo do Goberno municipal por aplicar unha política fiscal equitativa, baseada na mellora da xestión tributaria, o que permitirá recadar 486.000 euros (un 58% máis que en 2013) e na equidade fiscal. Neste sentido, reiterou a aposta pola baixada e conxelación de impostos, taxas e prezos públicos. Este esforzo vai supoñer que se recade un 3,71% menos por estes conceptos, por un total de 59.916.376 euros.

Ingresos e gastos
Analizando os ingresos, prodúcese un incremento nas previsións do 4,57% pasando dos 96.525.739 aos 100.941.779 euros. Tendo en conta a devandita baixada e conxelación de impostos, a razón da suba está fundamentalmente no incremento das transferencias correntes, que pasan de 29.059.023 a 31.859.675 euros e nunha operación de crédito 6.000.000 euros que, segundo explicara a concelleira, se realizará ou non en función da liquidación do orzamento de 2013.

Xa no capítulo de gastos, salienta o incremento respecto nos gastos correntes en bens e servizos, pasando de 34.798.057en 2013 a 38.490.528 euros en 2014. Este aumento deriva fundamentalmente das aplicacións do IPC, do aumento do canon de Sogama e de novos gastos en enerxía, mantemento, contratos e actividades. Tamén se incrementan as transferencias correntes, de 9.693.185 a 11.273.459 euros, e os investimentos reais, de 7.629.778 a 9.926.556 euros.

Tendo en conta a clasificación funcional, a maior partida absórbea a Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible, con 17.785 euros (17,62% do total do orzamento), seguida da Brigada de Obras e Servizos, que asume todo o gasto en enerxía, con 16.630.502 euros (16,48%) e da de Seguridade e Mobilidade, con 16.240.017 euros (16,09%).

Redución do endebedamento e estabilidade
A concelleira aproveitou tamén para analizar outros índices, como a redución do volume de endebedamento que se vén producindo grazas á boa xestión do Goberno local e á aplicación do plan de axuste, que permite agora presentar uns orzamentos expansivos e inversores. A finais de 2014, esta débeda situarase nos 50 millóns de euros, fronte aos 70 millóns do momento da chegada do actual Goberno municipal. O ratio de endebedamento establécese no 54,72%, menor ao 75% do fixado como límite. Xa no momento actual, a 1 de xaneiro de 2014, indicou que, fronte aos 736,16 euros de débeda por habitante a 1 de xullo de 2011, se pasou aos 548,96, o que supón unha redución de 187,20 euros.

O orzamento 2014 cumpre tamén coa estabilidade orzamentaria, fixada en 4.051.028 euros. Ademais, o gasto financeiro das contas deste exercicio será de 81.079.874 euros, por debaixo do teito de gasto, que sería de 81.195.531 euros.

Compartir: